Cita importante esta fin de semana para o piragüismo pontevedrés na localidade checa de Racice, onde terá lugar a primeira Copa do Mundo Sprint da tempada.
Á cita acode dentro do equipo nacional unha ampla representación pontevedresa, tras conseguir a súa clasificación nos recentes selectivos organizados en Verducido, e faino coa vista posta no Mundial do próximo mes de agosto en Canadá, para o que aspiran a conseguir un billete cunha boa actuación en Racice.
A competición, que se desenvolverá ata o vindeiro domingo 22 de maio coa presenza de máis de 500 padeeiros de 50 nacionalidades, dará comezo xa este venres día 20.
As regatas teñen previsto iniciarse ás 10.00 da mañá, sendo a subcampioa olímpica Teresa Portela a primeira en competir no K-4 500 xunto á tamén pontevedresa Carolina García nun equipo que completan Sara Ouzande e Laia Pelach.
Ás 11:03 a pontevedresa da E.P. Ciudad de Pontevedra Claudia Couto estará na liña de saída do C-2 500 metros xunto a Julia Espinosa, co obxectivo de pelexar polos tres primeiros postos para lograr o pase directo á final prevista para o sábado ás 12:21 horas.
Pola súa banda Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) loitará ás 11.15 horas pola clasificación directa para a final do C-2 500 con Joan Moreno, para o que deberán ser primeiros da súa serie.
Xa pola tarde será a quenda de Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) debutando ás 17.35 horas nas series do C-1 200 metros, na que o primeiro lugar dá acceso á final do domingo.
Ademais os padeeiros do Breogán do Grove David Barreiro e Diego Domínguez serán os encargados de representar a España na proba olímpica do C-1 1.000 metros nunha das últimas regatas da xornada.