Os padeeiros pontevedreses que compiten durante esta fin de semana na Copa do Mundo de Piragüismo de Racice seguen colmándose de éxitos. De feito, Teresa Portela, Carolina García, e Adrián Sieiro, que certificaran o seu pase á final deste sábado, coroáronse conseguindo dúas históricas pratas.
A primeira das finais comezou ás 11:11 horas co K-4 500 capitaneado por Teresa Portela e formado pola tamén pontevedresa Carolina García, a tudense Sara Ouzande e a catalá Laia Pelach.
A canoa española colgouse a medalla de prata que, ademais, outórgalle o billete para para o Mundial de Canadá. Todo un orgullo para o deporte español.
"Estamos moi contentas coa nosa competición, coa regata que fixemos e sobre todo esta medalla e a tranquilidade que dá saber que podemos centrarnos no campionato do mundo de Canadá, que será en agosto. Isto para nós é un gran alento para realizar os adestramentos que nos quedan", declarou Teresa Portela tras a competición.
Conseguida a primeira medalla para o piragüimo pontevedrés, pouco despois chegou a quenda de Adrián Sieiro e Joan Antoni Moreno en C2-500.
Realizaron unha gran demostración para tamén acabar en segunda posición, só por detrás da outra dupla española formada por Pablo Martínez e Tano García, que se colgaron o ouro para asinar unha mañá histórica que confirma que España ten as dúas mellores canoas do mundo nesa modalidade.
Xa na xornada de tarde, as tamén pontevedresas Claudia Couto e Antía Jácome conseguiron o pase á final en C1 500 e C1 200, respectivamente, e competirán na matinal do domingo polas medallas.