Momento clave da tempada para o piragüismo pontevedrés, que a partir deste mércores 3 de agosto e ata o vindeiro domingo día 7 participa no Campionato do Mundo Sprint en Augas Tranquilas que acolle a localidade canadense de Halifax.
Alí estará unha ampla representación da 'armada' pontevedresa, que contará iso si cunha importante ausencia, a da olímpica Antía Jácome, que non poderá defendar a medalla de prata mundialista que conseguiu hai un ano.
Si estará a flamate medalla de prata en Tokyo, Teresa Portela (UCAM), que entrará xa en acción o primeiro día do campionato nas series clasificatorias do K-4 500 metros. Nese barco estará tamén a pontevedresa Carolina García (Náutico de Sevilla), co obxectivo de pelexar polas medallas na final do sábado.
O primeiro día do Mundial tamén remará Manuel Fontán (O Muíño Ribadumia) nas series do C-1 500 metros, do mesmo xeito que en cangués Rodrigo Germade dentro no seu caso do K-4 500 masculino.
En canto ao resto de participantes pontevedreses Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra) estrearase o xoves 4 de agosto no C-1 1.000 metros, con presenza no C-2 1.000 metros dos irmáns Noel e Diego Domínguez (Breogán do Grove), mentres que no K-2 500 está prevista a presenza do incombustible Carlos Pérez 'Perucho' xunto ao tomiñés Roi Rodríguez (Ría de Aldán).
Por último moitos ollos estarán postos no que faga a embarcación española do C-4 500 metros, no que estará o pontevedrés Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) xunto a Manuel Fontán (O Muíño) e o cangués Pablo Graña (Náutico Rodeira), ademais do balear Joan Antoni Moreno. Todos eles coa vista posta na final da súa categoría que se celebrará o último día do Mundial, o domingo 7 de agosto.