Medio milleiro de piragüistas cítanse en Verducido polo campionato autonómico sénior e xuvenil

Pontevedra
16 de xuño 2022

A competición comezará o sábado 18 coas regatas de categoría xuvenil, mentres que os sénior competirán ao día seguinte

Alfredo Bea e Tino Fernández presentan o campionato galego de piragüismo sprint
Alfredo Bea e Tino Fernández presentan o campionato galego de piragüismo sprint / PontevedraViva

O complexo deportivo David Cal de Verducido acollerá esta fin de semana o campionato autonómico de piragüismo sprint das categorías xuvenil e sénior. O evento, que reunirá no Pontillón do Castro a 462 padeeiros, foi presentado este xoves no Concello de Pontevedra polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

A competición comezará na mañá do sábado 18 coa competición dos piragüistas de categoría xuvenil e continuará o domingo coa categoría sénior. 

En formato sprint, o compeonato coroará aos mellores deportistas galegos nas modalidades de C-1, C-2, C-4, K-1, K-4 e paracanoe.

Aínda que os piragüistas máis laureados non poderán participar polos seus compromisos internacionais, si que estarán na lista de saída numerosos padeeiros incluídos na preselección do equipo nacional. "O nivel é moi alto", salientou o mandatario da Fegapi, destacando a elevada participación en comparación con outras federacións territoriais nas que o número de licenzas non permite a realización de competicións autonómicas. "Estamos no top 10 de Galicia en canto a número de licenzas e subindo", remarcou Bea.

Neste sentido, o presidente recoñeceu que moitos clubs están a ter problemas para atender toda a demanda e cadrar os horarios de adestramentos de todos os seus deportistas. "Temos falta de espazo e non temos teito", felicitouse o dirixente.

Pola súa banda, Tino Fernández avanzou que nos próximos días haberá máis regatas en Pontevedra e destacou o nivel do campionato desta fin de semana porque "Galicia é unha potencia mundial en piragüismo".