Baño de medallas para o piragüismo pontevedrés no Campionato de Europa Sprint Junior e Sub-23 de Belgrado

Pontevedra
26 de xuño 2022

O Campionato de Europa Júnior e Sub 23 de piragüismo sprint puxo punto e final este domingo coas finais, nas que destacou o baño de medallas dos padeeiros pontevedreses. O C2 xuvenil 200 metros de Alba Rodríguez (Piragüismo Poio) e a sevillana Elena Millán fíxose co ouro, mesmo metal que o conseguido polo K4 xuvenil 500 metros formado por Mauro Domínguez, Iago García, Carlos García e Rubén García. Foron prata os irmáns do Breogán do Grove Noel e Diego Domínguez e bronce a grovense Valeria Oliveira do Piragüismo Poio

Jaime Duro, Plablo Crespo, Claudia Couto e David Bautista
Jaime Duro, Plablo Crespo, Claudia Couto e David Bautista / EP Ciudad de Pontevedra

O Campionato de Europa Júnior e Sub 23 de piragüismo sprint puxo punto e final este domingo coas finais, nas que destacou o baño de medallas dos padeeiros pontevedreses. O C2 xuvenil 200 metros de Alba Rodríguez (Piragüismo Poio) e a sevillana Elena Millán fíxose co ouro, mesmo metal que o conseguido polo K4 xuvenil 500 metros formado por Mauro Domínguez, Iago García, Carlos García e Rubén García. Foron prata os irmáns do Breogán do Grove Noel e Diego Domínguez e bronce a grovense Valeria Oliveira do Piragüismo Poio.

Pasadas as 9:30 horas da mañá arrincou a proba C1 500 metros na que participaba Valeria Oliveira. A júnior foi de menos a máis ata facerse coa segunda posición (2.10,805) tras quedar a tan só 340 milésimas de segundo da prata, que finalmente levou a portuguesa Beatriz Fernandes cun tempo de (2.10,465). A campioa continental, a húngara Panna Gyore, dominou a proba e fíxose co ouro (2.09,295).

Oliveira tamén competiu na final do C1 200 metros, onde quedou ás portas do podio cun cuarto posto (49.937). O podio formárono a húngara Agnes Kiss (48.213), a ucraína Iryna Fedoriv (48.933) e a portuguesa Beatriz Fernandes (49.260).

Non quedaron aí as alegrías para o deporte pontevedrés, e é que a seguinte medalla chegou de man dos irmáns do Breogán do Grove Noel e Diego Domínguez, que se fixeron co subcampeonato europeo Sub 23 de C2 500.

O campionato foi, sen ningunha dúbida, para os italianos Gabriele Casadei e Dawid Szela (1.40,797), que non tiveron rival. O mesmo ocorreu cos irmáns Domínguez, que se mantiveron na segunda posición ata alcanzar a meta nun tempo de 1.41,527. O podio completouno a dupla polaca formada por Juliusz Kitewski e Krystian Holdak (1.42,347).

O baño de medallas ao piragüismo pontevedrés continuou a partir das 14:26 horas co K4 xuvenil 500 metros formado polo padeeiro do Verducido Mauro Domínguez, acompañado de Iago García, Carlos García e Rubén García.

O cuarteto español non tivo opoñente durante a proba e fíxose coa medalla de ouro cun tempo de 1:24.077. Segundos foron os húngaros (1:24.214) e terceiros os alemáns (1:24.871).

Na xornada da tarde brillou especialmente a dupla formada pola padeeira do Piragüismo Poio, Alba Rodríguez e a sevillana Elena Millán no C2 xuvenil 200 metros, conseguindo a medalla de ouro tras unha ajustadísima final que se decidiu por milésimas de segundo. As españolas pararon o cronómetro en 44.485, as húngaras en 44.575 e as alemás en 44.752.

Desafortunadamente, quedou sen medallas Claudia Couto, da EP Ciudad de Pontevedra. Foi quinta en C1 500 Sub 23, sexta en C2 500 Sub 23 e cuarta en C2 200, estas últimas a dúo coa sevillana Julia Espinosa.