Positiva actuación dos clubs pontevedreses no LII Campionato España Sprint Senior, Sub-23 e Xuvenil de Piragüismo celebrado durante esta fin de semana no encoro asturiano de Trasona.
A nivel de clubs o mellor representante da comarca foi a E.P. Ciudad de Pontevedra concluíndo sexta nunha clasificación dominada polo Piragüismo Aranxuez e co Kaiak Tudense terceiro e como mellor galego.
En canto á participación individual a distancia de 1000 metros terminou coa medalla de ouro para Diego Romero (Breogán do Grove) no C-1. A parella da E.P. Ciudad de Pontevedra de Antía Otero e Jenifer Casal gañou a final de C-2 1.000 metros feminina, mentres que en homes a dupla formada polos irmáns Noel e Diego Domínguez (Breogán) levaron o triunfo por diante das parellas de Pablo Crespo e Jaime Duro da E.P. Ciudad de Pontevedra e a de Tono Campos xunto a Diego Romero.
A tripulación do K-4 1000 masculino do Kaiak Tudense lograba o ouro nunha final onde o Piragüismo Vilaboa conseguía o bronce. O C-4 do Breogán do Grove gañaba con solvencia, do mesmo xeito que o facía a K4 do Náutico Firrete na final xuvenil onde o Piraguismo Verducido era prata. As mozas do Piragüismo Verducido tamén se facían co título nacional no K-4.
Martín Jácome da E.P. Ciudad de Pontevedra brillaba en categoría absoluta coa vitoria no C-1 500 metros. O mesmo resultado sería para a xuvenil do Piragüismo Poio Valeria Oliveira. As finais masculina e feminina de C-4 500 metros levaríanllas o Breogán do Grove e o E.P. Ciudad de Pontevedra.
Polo que respecta á distancia de 200 metros, a categoría xuvenil finalizaba cun podio completamente galego no que Valeria Oliveira sería ouro.
Pola súa banda Antía Otero e Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) venceron no C-2 200 metros.