Manuel Fontán e Pablo Graña, quintos nunha Copa do Mundo marcada polo mal tempo

O Salnés
29 de maio 2022

As malas condicións climatolóxicas sufridas en durante os catro días de disputa da segunda Copa do Mundo Sprint da tempada no Lago Malta de Polonia fixeron moi complicada a disputa das distintas carreiras, obrigando a pospoñelas ata que foi factible a súa celebración

Manuel Fontán e Pablo Graña, na Copa del Mundo Sprint de Poznan
Manuel Fontán e Pablo Graña, na Copa del Mundo Sprint de Poznan / Náutico O Muíño

As malas condicións climatolóxicas sufridas en durante os catro días de disputa da segunda Copa do Mundo Sprint da tempada no Lago Malta de Polonia fixeron moi complicada a disputa das distintas carreiras, obrigando a pospoñelas ata que foi factible a súa celebración.

Nunha delas participaba a xoven parella formada por Manuel Fontán (Náutico O Muíño de Ribadumia) e Pablo Graña (Náutico Rodeira de Cangas) no C2 500 metros, que conseguiran o pase á gran final cun segundo posto na xornada do venres.

Na disputa polas medallas, os pontevedreses conseguiron unha meritoria quinta posición nunha carreira que gañaron os polacos Aleksander KItewski e Arsen Sliwinski.

Jaime Duro (EP Ciudad de Pontevedra), pola súa banda, realizou unha boa actuación e fíxose oco nas finais B de C1 500 e 1000 metros.

RESULTADOS DOS PADEEIROS GALEGOS

Na modalidade de paracanoe destacou a medalla de prata do padeeiro do Piragüismo Rías Baixas Adrián Mosquera na final de VL3 200 metros, onde cruzou a liña de meta por detrás do ucraíno Vladyslav Yepifanov a só 0,92 segundos. O terceiro lugar foi para o francés Abel Aber.

A embarcación K2 500 metros de Roi Rodríguez e Carlos Pérez conseguiu o pase á final B, que finalmente foi suspendida pola organización. Rodríguez competiu tamén no K1 5000 metros onde terminou cuarto.

Finalmente, Lara Feijoo e Irene Lata clasificáronse para a final B de K2 500 metros e Feijoo pelexou tamén xunto Pablo Roza na final de K2 mixta onde alcanzaron o quinto posto.