Cita importante para o piragüismo pontevedrés no camiño cara aos Xogos Olímpicos de París 2024. A armada provincial participará desde este xoves 11 de maio e ata o domingo 14 na primeira Copa do Mundo de Piragüismo en Augas Tranquilas da tempada, a que se celebra en Szeged, Hungría.
En xogo nesta competición estará o pase ao próximo Campionato do Mundo, evento que á súa vez repartirá os primeiros billetes olímpicos.
Antía Jácome (UCAM) será a cabeza de lanza dos deportistas pontevedreses, ao estar inscrita en tres probas en Hungría. Participará no C-1 200 metros e no C-2 200 e 500 metros xunto á madrileña María Corbera.
Ademais Manuel Fontán (O Muíño) e Pablo Graña (Náutico Rodeira) competirán no C-2 500 metros coa difícil misión non só de pelexar polos postos de honra e clasificar para o Mundial senón de quedar por diante da outra parella nacional e grandes favoritos, ao impoñerse no recente selectivo, a composta polos sevillanos Cayetano García e Pablo Martínez.
Outro punto de atención será o kaiak feminino, co K-4 500 no que remarán a pontevedresa Carolina García (Náutico Sevilla) e a canguesa Teresa Portela (UCAM) xunto a Sara Ouzande e Estefanía González. Ademais Carolina dobrará proba con Ouzande no K-2 500 metros.
A armada pontevedresa tamén contará na Copa do Mundo de Szeged con Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra) e David Barreiro (Breogán) no C-1 1.000 metros, ademais dos cangueses Rodrigo Germade (UCAM) no K-2 500 e Carlos Pérez 'Perucho' (Ría de Aldán) no K-4 500 metros.