Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela poñen a directa ao Mundial con tres medallas na Copa do Mundo de Szeged

Pontevedra
12 de maio 2023

A gran protagonista da segunda xornada de competición en Hungría foi Antía Jácome, ao conseguir unha medalla de ouro no C-1 200 xunto a María Corbera e despois un bronce no C- 200 metros, distancia que será olímpica en París 2024. Ademais este sábado afrontará outra final en distancia olímpica, o C-2 500 metros. Carolina García e Teresa Portela colgaron a prata no K-4 500

Teresa Portela e Carolina García, competendo no K-4 500 na Copa del Mundo de Szeged
Teresa Portela e Carolina García, competendo no K-4 500 na Copa del Mundo de Szeged / Real Federación Española de Piragüismo

Gran xornada a vivida polo piragüismo pontevedrés na Copa do Mundo de Szged, Hungría, con ata tres medallas e o que é máis importante, o obxectivo cumprido de lograr un billete para o próximo Campionato do Mundo, primeira competición que outorgará prazas para os Xogos Olímpicos.

A tarde comezou para Antía Jácome logrando o pase á final no C-2 200 xunto á madrileña María Corbera, ao ser segundas na súa serie de semifinais. Pero o mellor estaba por chegar aínda por chegar empezando por unha distancia que será olímpica no programa de París 2024, a categoría individual do C-1 200 metros.

Nesta proba a pontevedresa logrou a medalla de bronce ao ser terceira cun tempo de 46.83 segundos, a 0.84 segundos da vencedora, a cubana Yarisleidis Duboys (45.99), mentres que a canadense Katie Vincent foi segunda (46.10 segundos).

"Non podo estar máis feliz, é a miña primeira competición da tempada e non podía empezar mellor. Isto dáme a praza para o Mundial e espero que no Mundial poida facelo un pouquiño mellor", sinalou Jácome en declaracións á Real Federación Española de Piragüismo.

Tras esa alegría, Antía volveu subir á canoa con María Corbera na final do C-1 200 metros, logrando un especatular primeiro posto de 44.46 segundos, superando na chegada ás dúas tripulacións chinesas, que foron prata e bronce.

Un gran botín que este sábado pode ampliarse noutra final en distancia olímpica, o C-2 500 metros, no que Jácome e Corbera parten co papel de favoritas aos postos de podio.

CAROLINA GARCÍA E TERESA PORTELA, PRATA NO K-4 500

A armada pontevedresa sumou unha medalla máis na Copa do Mundo de Szeged, e fíxoo tamén nunha proba olímpica como é o K-4 500 no que reman a pontevedresa Carolina García e a canguesa Teresa Portela xunto a Sara Ouzande e Estefanía Fernández, e que teñen a súa base de adestramento en Verducido.

O K-4 finalizou nun brillante segundo posto (1:37.36) que lle dá o pase ao Mundial finalizando a só 0.29 segundos da tripulación chinesa, que se fixo co ouro. Terceiro foi o barco de Nova Zelandia.

A xornada completárona no C-1 1.000 metros Pablo Crespo, cun quinto posto na súa semifinais que lle valeu un lugar na Final B, e David Barreiro, que foi sétimo na mesma quenda.