Primeira medalla pontevedresa nos Xogos Europeos que se están a disputar desde esta semana en Cracovia, coa alegría que este xoves deron en piragüismo a pontevedresa Antía Jácome e a madrileña María Corbera no C-2 500 metros, unha distancia incluída no programa olímpico de París 2024.
A dupla Jácome-Corbera segue dando mostras do seu potencial camiño dos Xogos Olímpicos, e iso que chegaban á cita de Polonia sen estar nas mellores condicións.
Asi recoñeceuno a propia Antía ao termo dunha final que as proclamou subcampioas de Europa. "Foi unha regata complicada, sopraba vento en contra. Fíxosenos un pouco dura, tampouco viñamos coas mellores sensacións, non fixeramos unha posta a punto boa", sinalou en declaracións á Real Federación Española de Piragüismo.
"Sabemos que o barco pode ir mellor, pero viñemos aquí un pouco co posto", afirmou a pontevedresa asegurando que "podemos ter mellores sensciones e ímolas a ter no Mundial", principal obxectivo da tempada ao ser clasificatorio para París.
No que respecta a a final europea, Jácome e Corbera asinaron un tempo de 1:58.506, sendo só superadas pola tripulación ucraína (1:58.233) e por diante da húngara (1:59.163), que foi bronce.
Antía Jácome aínda terá outra opción de medalla en Cracovia, ao ter previsto participar no C-2 200 mixto con Pablo Graña (Náutico Rodeira).