Co equipo no seu mellor momento, volve a escena a Copa Federación para o Pontevedra Club de Fútbol, competición na que defende o título logrado a pasada tempada.
Os granates afrontan este mércores en Pasarón a ida dos oitavos de final ante o CDA Navalcarnero, actual décimo sexto clasificado do Grupo I da Segunda División B, nun choque que se disputará en horario pouco habitual (18:00 horas) pola petición do club madrileño, que debe regresar a tempo a Madrid para que os seus futbolistas poidan acudir aos seus postos de traballo, fóra do fútbol.
Será unha cita na que Luismi previsiblemente dará oportunidades á segunda unidade. Cos minutos cada vez máis caros no equipo, o choque preséntase como unha reválida para os futbolistas menos utilizados en liga.
Ademais terán minutos futbolistas como Berrocal ou Álex González, baixas por sanción o vindeiro domingo, e mesmo podería regresar Álex Fernández tras a súa lesión coa intención de ir gañando ritmo de competición.
As entradas para o choque, gratuíto só para os socios +, terán un prezo de 12 euros na bancada de Tribuna e de 8 euros en Fondo Norte, con acceso libre para os menores de 18 anos.