Javi López pasa polo quirófano e xa pensa na súa recuperación

Pontevedra
08 de xaneiro 2019

O extremo andaluz do Pontevedra foi intervido con éxito este martes no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez da rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo que se produciu durante un adestramento no mes de decembro. O futbolista ten por diante entre 6 e 8 meses de recuperación

Javi López, antes de ingresar no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez
Javi López, antes de ingresar no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez / Mónica Patxot

Os días empezan a descontar para Javi López na longa recuperación que debe afrontar tras a grave lesión de xeonllo que sufriu nun adestramento en decembro.

O extremo andaluz do Pontevedra Club de Fútbol pasou este martes polo quirófano no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez, e agora permanecerá de baixa entre seis e oito meses segundo establece o equipo médico que lle interveu, comandado polo galeno do club, o doutor Barragáns, xunto ao doutor Costas.

O informe médico sinala que se lle realizou unha artroscopia "sen complicacións" e que confirmou o diagnóstico inicial de "rotura practicamente completa do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito"

"Tenía ganas de operarme cuanto antes", recoñeceu o futbolista granate antes de ingresar no centro hospitalario, no que deberá permanecer polo menos dous días en observación. Agora, pasado o momento toca "empezar a trabajar para volver bien", recoñeceu con optimismo aínda que "jodido por no poder estar en el campo ayudando a los compañeros".

O seu obxectivo céntrase desde este momento en "llegar a la pretemporada" plenamente recuperado. O que non sabe aínda é se será en Pontevedra ou noutro lugar, aínda que desde o club trasladáronlle unha mensaxe de tranquilidade.

En todo caso Javi López asegura estar "muy contento aquí. Tanto mi novia como yo con el vestuario, el club y la afición estamos a gusto", aínda que a súa continuidade no equipo máis aló do mes de xuño "no depende de mí", sinalou.