Querer e non poder. Así se define o partido dun Pontevedra que foi mellor e tivo máis ambición que o Unionistas de Salamanca, pero que tivo que conformarse cun empate a cero ante a súa falta de efectividade, tras fallar claras ocasións de gol e ata un penalti na segunda metade.
O encontro puido quedar condicionado case na súa primeira xogada. Corría o minuto tres cando Javi Pazos tirou un desmaque ás costas dos centrais que viu Pedro Vázquez poñendo un balón en profundidade medido. O dianteiro adiantouse á saída do porteiro na frontal e este derrubouno con claridade. Se o suceso tivera pasado un metro adiante, sería penalti e tarxeta amarela, pero ocorreu fóra da área e antollábase como expulsión de libro. Non o viu así o colexiado, o asturiano Leandro Carbajales, que simplemente amoestou a Carlos Molina para desesperación da parroquia local.
Na falta, perigosa, Kevin disparou con potencia poñendo en problemas ao gardameta, pero o marcador non se moveu. Era a primeira ocasión, que reforzou aos granates, ben plantados sobre o terreo de xogo ante un cadro salmantino que non daba facilidades pero que apenas pasaba do centro do campo. Aínda que as oportunidades non eran unha constante, o Pontevedra mereceu adiantarse no marcador e puido facelo nun rebote que entre Arruabarrena e un defensa estivo a piques de coarse no fondo da rede, e tamén nun córner rematado por Campillo no segundo pau que Pazos non foi capaz de embocar.
A polémica seguiu presente no duelo, con tarxeta protestada para Nacho López e outra non sacada a De la Nava. Tamén se queixou Unionistas, e pode que con razón, nunha acción ao fío do descanso na que Albisua caeu na área ante Romay. En directo parecía penalti, pero o colexiado non o creu aínda que tampouco amoestou ao futbolista visitante. Con todo, nos últimos minutos estiráronse os de Roberto Aguirre, chegando a pisar a área granate aínda que sen excesivo perigo.
Tras o descanso o ritmo de xogo baixou, aínda que se mantivo unha dura pugna na zona central. A pesar diso o equipo que quería máis era o pontevedrés e seguiu roldando a área rival. Así chegou unha nova xogada para a moviola, esta a favor dos granates. Ribelles agarrou a Romay ao bordo da área e este caeu dentro sinalando o árbitro pena máxima. Tiña unha ocasión inmellorable o Pontevedra para tomar a dianteira, pero Mikel Arruabarrena fallou, ou mellor dito Carlos Molina adiviñou o lanzamento cara á súa esquerda realizando unha notable parada.
Lonxe de vir abaixo cos erros, os de Luismi intensificaron o seu asedio e roldaron o gol nunha acción de Javi Pazos a pase de Romay, fallando ante o gardameta salmantino, e sobre todo de Arruabarrena, que cando xa se cantaba o tanto rematou desviado coa cabeza e ao bordo da área pequena un bo servizo de Nacho López.
Pouco ofreceu Unionistas en ataque, si en intensidade, e aínda así se estirou nos últimos minutos aínda que sen chegar a inquietar a un Edu que non interveu en todo o encontro.
O empate, a pesar de ser inxusto, mantén a boa inercia dos granates, que caen á sétima praza da táboa aínda que empatados a puntos coa cuarta posición e a só 3 puntos do liderado. Mágoa da ocasión perdida.
PONTEVEDRA CF (0): Edu, Nacho López, Campillo (Jesús, minuto 86), Churre, David Castro, Kevin, Adrián León, Pedro Vázquez (Mouriño, minuto 65), Romay (Pibe, minuto 77), Javi Pazos, Arruabarrena.
UNIONISTAS CF (0): Carlos Molina, Piojo, Góngora, Admonio, Ayoze, Albisua, Unai Hernández, Javi Navas (Jorge Hernández, minuto 83), Guille Andrés (Adrián Llano, minuto 73), De la Nava (Isaac, minuto 85), Ribelles.
Árbitros: Leandro Carbajales Gómez, auxiliado nas bandas por Arnold Esteban e Martín Carlos Agudo (Asturias). Amoestou a Nacho López, Javi Pazos e Kevin no Pontevedra e a Carlos Molina, Admonio, Ribelles, Jorge Hernández e Javi Navas en Unionistas.
Incidencias: Partido da xornada 20 de liga na Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante preto de 3.000 espectadores.