A Copa Galega, última competición da tempada para o equipo absoluto do Waterpolo Pontevedra

Pontevedra
02 de xuño 2016

O vindeiro sábado 4 de xuño a piscina ourensá Rosario Dueñas acolle a Copa Galega Absoluta Masculina de Waterpolo coa participación de 5 equipos

Semifinal polo título galego entre Waterpolo Galaico e CN Coruña
Semifinal polo título galego entre Waterpolo Galaico e CN Coruña / Diego Torrado

É a última competición da tempada e ademais será televisada pola segunda canle da TVG (segunda semifinal e final) e tamén a través de internet, ingredientes que motivan ao Waterpolo Pontevedra na Copa Galega Absoluta Masculina.

A piscina ourensá Rosario Dueñas será a sede da competición que clausura a campaña na categoría absoluta masculina e que contará coa presenza de 5 equipos.

O club pontevedrés desprázase a Ourense coa intención de reconquistar un título que xa conseguiron en 2011 e 2013.

O sorteo do cadro, que estará comprimido en horario de tarde, emparellou ao Waterpolo Pontevedra e RCN de Vigo no único choque de cuartos de final, previsto para as 16:00 horas.

As semifinais arrincarán ás 17:15 horas cun partido entre Pabellón Ourense e CN Coruña, mentres que os pontevedreses enfrontaríanse ao CW Santiago ás 18:30 horas se logran liquidar o seu primeiro encontro da competición.

A final pola súa banda está fixada para as 20:00 horas.