O Waterpolo Pontevedra, campión da Copa Galega

Pontevedra
06 de xuño 2016

Novo éxito deportivo do Club Waterpolo Pontevedra. Tras o seu bo papel en liga, os pontevedreses proclamáronse o pasado sábado campións da Copa Galega Absoluta, nun torneo disputado na piscina Rosario Dueñas de Ourense

Xogadores do CW Pontevedra, tras gañar a Copa Galega
Xogadores do CW Pontevedra, tras gañar a Copa Galega / CW Pontevedra

Novo éxito deportivo do Club Waterpolo Pontevedra. Tras o seu bo papel en liga, os pontevedreses proclamáronse o pasado sábado campións da Copa Galega Absoluta, nun torneo disputado na piscina Rosario Dueñas de Ourense.

O CW Pontevedra disputou os cuartos de final fronte ao RCN Vigo. Ante este rival, decidiron reservar a varios titulares e os técnicos confiaron nos xogadores xuvenís, que non defraudaron e lograron unha cómoda vitoria por 1-8.

Tras unha hora e media de descanso, mentres se xogaba a primeira semifinal entre CN Coruña e CW Pavillón Ourense con resultado de 15-4, os do Lérez volvían saltar á auga para xogar a semifinal fronte ao CW Santiago.

Como era de esperar, foi un partido moi igualado e emocionante. A pesar de que o CW Pontevedra comezou o partido con bo pé, gañando o primeiro cuarto 1-2 e chegando 1-4 ao ecuador do partido, tras poñerse 1-5 no terceiro período os pontevedreses nubláronse. 

Numerosas precipitacións e mala puntería con paus e paradas do porteiro santiagués, fixeron que o CW Santiago volvese meter no partido ao final do terceiro cuarto cun marcador de 5-6. A cousa empeorou para os das Rías Baixas, pois o CW Santiago lograba dar a volta ao marcador cun 7-6 ao seu favor a falta de 3 minutos. Pero dous erros do seu rival permitiron que o partido concluíse con 7-8 a favor dos pontevedreses.

Con só vinte minutos para recuperarse deste intenso partido e cos mesmos xogadores, o CW Pontevedra preparábase para afrontar a súa sexta final de Copa consecutiva, onde o factor físico sería a crave fronte ao campión de Liga, o CN Coruña.

O CW Pontevedra non comezou ben o partido, cun mal primeiro cuarto sen acerto para portería. A final complicábase chegando ao ecuador do encontro cun 3-1 para os coruñeses, que aguantaban con vantaxe ata chegar ao último cuarto cun 4-3 favorable. 

Foi no último período onde os pontevedreses tiraron de oficio e onde sacaron a relucir a súa mellor condición física. Un parcial de 0-4 rompía o partido cun 4-7 a falta de 2:36, aínda que esta vantaxe non foi suficiente para gañar con comodidade, pois a mocidade dos pontevedreses fixo que algunhas precipitacións nestes dous minutos e medio perigase a vitoria con dous goles do CN Coruña, acabando co 6-7 final.

Estes tres triunfos na mesma tarde deron ao CW o seu terceiro título de Copa Galega.