O campionato galego de waterpolo alevín mixto, ao aire libre nas piscinas do Mercantil

Pontevedra
15 de xuño 2016

Sete equipos participarán este sábado 18 de xuño no Campionato Galego de waterpolo alevín mixto de verán que organiza o Club Waterpolo Pontevedra. A proba terá lugar nas piscinas do Mercantil en Mourente, sendo a primeira vez que se organiza ao aire libre

Presentación do campionato galego de waterpolo alevín mixto
Presentación do campionato galego de waterpolo alevín mixto / PontevedraViva

Sete equipos participarán este sábado 18 de xuño no Campionato Galego de waterpolo alevín mixto de verán que organiza o Club Waterpolo Pontevedra. A proba terá lugar nas piscinas do Mercantil en Mourente, sendo a primeira vez que se organiza ao aire libre.

Os clubs inscritos son o Marina Ferrol, o RCN Vigo, o CW Santiago, o CN Coruña, o AC Waterpolo e o CW Pontevedra, que participará con dous equipos.

Os encontros eliminatorios comezarán ás 11.30 horas para rematar ás 19.00 horas coa celebración da gran final entre os dous mellores conxuntos da competición.

A entrega de medallas será contra as 20.00 horas.

Para os partidos, só se ocupará media piscina xa que ao ser un campionato de categoría alevín as medidas do campo son máis pequenas. A outra metade das instalacións estarán abertas aos socios do Mercantil.

A entrada para asistir a este campionato galego é de balde.

WATERPOLO NA RÚA

Paralelamente, o Club Waterpolo Pontevedra continúa coa súa campaña de captación de socios. Este venres, de 17.00 a 20.00 horas, fará distintas actividades na praza de Ourense co obxectivo de dar a coñecer este deporte entre a cidadanía. Alí, os pontevedreses poderán participar en diversas probas e xogos cos que entrar en contacto con esta disciplina deportiva.