A Copa Galicia de ciclocrós chega ao seu final con vitoria da marinense Laura Capa en cadetes

Pontevedra
25 de decembro 2018

As diferentes categorías en disputa chegaron á recta final da competición coas súas clasificacións resoltas fóra das ciclistas de categoría sub23 onde a ausencia da marinense Irene Trabazo, que se atopa correndo en Bélxica, facilitou que Zaida González (Rosal) acabase logrando a camisola de líder da súa clase

III Trofeo Concello de Pontevedra de Ciclocrós Diego Torrado

A Copa Galicia chegou ao seu punto e final coa dobre cita celebrada en Ourense: o sábado coa disputa do XI Trofeo Castelo de Maceda e o domingo o primeiro Premio Estacións Vivas en Baños de Molgas. As diferentes categorías en disputa chegaron á recta final da competición coas súas clasificacións resoltas fóra das ciclistas de categoría sub23 onde a ausencia da marinense Irene Trabazo, que se atopa correndo en Bélxica, facilitou que Zaida González (Rosal) acabase logrando a camisola de líder da súa clase.

O Trofeo de Maceda permitiu aos afeccionados ver unha nova exhibición dos ciclistas do conxunto local, grandes dominadores desta disciplina e con bitola de favoritos nos próximos Campionatos de España a celebrar en Pontevedra entre o 11 e o 13 de xaneiro de 2019. Ademais, a proba era a última oportunidade para os galegos de obter puntos para o ránking nacional. O junior Carlos Canal venceu con comodidade a súa carreira do mesmo xeito que o fixeron Iván Feijoo e Saúl López en sub23 e elite, respectivamente.

A campioa galega Lucía Vázquez (Prorebordosa) fixo o propio entre as elite fémenina e o master 30 Alejandro Mesias (Quintena) reivindicábase con dous triunfos na súa categoría.

O domingo disputouse a cita organizada polo Club Ciclista Ourensán en Baños de Molgas onde moitos ciclistas optaron por reservarse pensando no Campionato de Galicia do próximo día 30 en Pontevedra. Esta circunstancia motivo que se puidesen ver podios inéditos nesta campaña e grandes carreiras en todas as mangas celebradas.

Concluída a tempada regular que este ano alcanzou as quince probas, os gañadores da Copa Galicia foron: Adrián Valverde (Rías Baixas) e Mª José Gómez (Cambre) en elite; Samuel González (Guerciotti) e Zauda González (Rosal) en sub23; Jorge Fernández (Ponteareas) e Andrea García (Maceda) en  junior; Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Laura Capa (Marín) en cadete; Andrés Calvete (Monte Xalo) e Montserrat Martínez (Saertex) en master 30; Alejandro Trasbach (Racing) e Mónica Alarcón (Arcadecicles) en master 40 e Antonio Sousa (Bifase) en master 50.