A coraxe do Peixe Galego foi insuficiente para evitar unha clara derrota no seu debut en LEB Oro (82-66)

Marín
26 de setembro 2019

O Valladolid sorprendeu ao equipo marinen cun comezo fulgurante no que borrou da pista ao equipo visitante, despois do descanso os de Llorente fixéronse fortes en defensa y deron mostra do potencial que teñen e esperan alcanzar

Valladolid Peixe Galego na primeira xornada de LEB Oro 2019-2020 Sergio Mazuelas

O Marín Ence Peixe Galego iniciou con derrota a súa campaña de regreso á LEB Oro, os de Javi Llorente. inexpertos na categoría e con menos rodaxe que o seu rival, foron incapaces de frear o empuxe do Valladolid que na primeira parte deixou practicamente sentenciado o encontro. Tras o paso por vestiarios, a escuadra marinense axustou a súa defensa e conseguiu igualar as forzas, pero a diferenza no marcador era xa demasiado ampla como para soñar coa remontada.

O Valladolid dera mostras dun bo entendemento entre as súas pezas xa durante a pretemporada e iso notouse no arranque do partido inaugural da nova tempada. En só seis minutos os de Hugo López desmarcáronse no marcador cun 2+1 protagonizado por Tom Granados. Atascado o Peixe, os locais puxeron a directa cara á primeira decena de tantos de diferenza grazas ao acerto exterior dun Frank Bartley, moi enchufado no seu debut no Pisuerga (25-13). 

No segundo cuarto emerxeu a figura de Sergio de la Fuente que comezaba a campar ás súas anchas polo poste baixo. Pediu dous tempos mortos Javi Llorente que non serviron para evitar que a sangría marinense superase os vinte puntos. Ao descanso chegouse cunha abismal diferenza de 28 puntos (53-25).

Pero se algo caracteriza ao cadro da Raña é a súa capacidade de sufrimento, de non baixar os brazos nunca. Na segunda parte foron capaces de deixar ao lado o marcador para centrarse en construír os seus cimentos como equipo capacitado para loitar pola permanencia. Primeiro soubo fortalecerse en defensa para logo crecer en ataque. 

Foi entón cando xogadores con talento como Tai Badmus puideron mostrar o baloncesto que levan dentro. Coas súas penetracións, parecía que o Peixe podería chegar a meter o medo no corpo aos valisoletanos, pero Hugo López fixo reaccionar aos seus para evitar a remontada visitante e manter o colchón dos vinte puntos.

O Peixe esgotou as súas forzas nun último cuarto no que logrou minimizar a derrota e obter conclusións positivas sobre as que construír o soño da permanencia (82-66).

Consulta aquí as estatísticas do partido