O Peixe cae fronte ao Cáceres no debut ligueiro na Raña (64-75)

Marín
06 de outubro 2019

O Peixe Galego debutou esta fin de semana na Raña no segundo encontro da LEB Oro fronte ao Cáceres. Os de Javi Llorente non puideron facer nada fronte ao seu rival que practicamente deixou sentenciado o encontro antes do paso polo vestiario

Partido entre Peixe Galego e Cáceres
Partido entre Peixe Galego e Cáceres / Diego Torrado

O Peixe Galego debutou esta fin de semana na Raña no segundo encontro da LEB Oro fronte ao Cáceres Patrimonio de la Humanidad. Os de Javi Llorente non puideron facer nada fronte ao seu rival que practicamente deixou sentenciado o encontro antes do paso polo vestiario.

O primeiro cuarto empezou co Cáceres como claro dominador. A experiencia dos xogadores do cadro visitante foron determinantes para acumular unha importante vantaxe nos primeiros compases de encontro (10-19). 

O segundo cuarto foi unha imitación do primeiro. Os xogadores locais demostraron unha falta de acerto nas xogadas de ataque que o rival soubo aproveitar e, cun parcial de 14-21, o Cáceres foise ao descanso cunha vantaxe de 16 puntos a favor (24-40).

Tras o paso polos vestiarios, os de Javi Llorente reforzaron a defensa e o ataque e lograron estar por diante nos parciais dous últimos cuartos. A pesar de conseguir superar ao seu rival no terceiro (22-19) e cuarto parcial (18-16), os de Marín non lograron recortar a suficiente distancia para conseguir gañar o partido.

Finalmente, o partido concluíu cun resultado de 64-75 a favor do Cáceres que se coloca en postos de Play- off cunha vitoria en dous partidos xogados mentres que o Peixe Galego acumula dúas derrotas consecutivas. Na próxima xornada da LEB Oro, o Peixe Galego desprazarase a Andalucía para enfrontarse ao Coviran Selecta onde buscará non desengancharse na carreira pola permanencia.

Consulta aquí as estatísticas do partido.