O Peixe Galego mellora a súa imaxe pero termina cedendo ante o Gipuzkoa Basket (64-76)

Marín
19 de outubro 2019

Cuarta xornada na Liga LEB Ouro de baloncesto e cuarta derrota a que encaixou este sábado o Peixe Galego, ao que lle está custando tomar o pulso á categoría. Con todo os de Marín deixaron motivos para a esperanza, ao evidenciar melloría no seu xogo principalmente durante os dous primeiros cuartos 

Partido entre Peixe Galego e Gipuzkoa Basket na Raña
Partido entre Peixe Galego e Gipuzkoa Basket na Raña / Diego Torrado

Cuarta xornada na Liga LEB Ouro de baloncesto e cuarta derrota a que encaixou este sábado o Peixe Galego, ao que lle está custando tomar o pulso á categoría. Con todo os de Marín deixaron motivos para a esperanza, ao evidenciar melloría no seu xogo principalmente durante os dous primeiros cuartos de partido ante un bo equipo como o Gipuzkoa Basket, que visitaba o pavillón da Raña.

Durante eses compases iniciais os pupilos de Javi Llorente mantiveron o tipo. Así, aínda que os visitantes comezaban mandando no electrónico con lixeiras vantaxes que chegaban aos 4 puntos (16-20), o Peixe pechaba o primeiro parcial cun igualado 18-20.

Non só iso, senón que no segundo cuarto comezaron con forza para cun triplo de Badmus e unha canastra de Doorson tomar a dianteira e chegar a dominar tamén por ata 4 puntos. Foi así ata o 32-28 mediado o segundo cuarto.

Aí apagáronse as luces do Peixe Galego, polo menos en canto á claridade ofensiva. Tamén puxo do seu parte o Gipuzkoa co seu bo facer defensivo, e ata o descanso os locais só anotaron 2 puntos máis, aínda que se mantiñan no choque (34-35).

A seca en ataque prolongouse á volta de vestiarios, e Javi Llorente tivo que parar pronto o partido por temor a que se lle escapase (34-42). Non logrou o seu labor co tempo morto e o cadro vasco, que cheirou o sangue, non desaproveitou a ocasión para abrir brecha. Da man dun imparable Timmer (22 puntos e 26 de valoración) a renda ao seu favor creceu ata os 16 puntos (34-50) antes de que Badmus anotase e rompese o mal momento, demasiada laxa para un Peixe aínda en construción.

De todas formas, os de Marín seguiron pelexando para colocarse a 10 puntos no arranque do cuarto definitivo (45-55), pero non puideron pasar esa barreira e terminaron cedendo por 64 a 76.

Con esta derrota o Peixe Galego mantense na parte máis baixa da táboa, empatado con outros dous rivais seguen sen sumar, o Canoe e o Almansa. 

Consulta as estatísticas do Marín Peixe  Galego-Gipuzkoa Basket.