A ausencia de competicións de ámbito internacional, as ganas dos deportistas de volver sentir a adrenalina da competición e o amplo catálogo de piragüistas de elite que hai en Galicia converten ao campionato galego de piragüismo sprint que se celebrará esta fin de semana nunha das citas de maior nivel que se lembran no encoro pontevedrés nos últimos anos. Nas pistas do complexo deportivo David Cal competirán aspirantes olímpicos, campións do mundo, de Europa e de España e un enorme elenco de mozos dispostos a bater aos seus referentes.
Padeeiros da talla de Roi Rodríguez, Tono Campos, Óscar Graña, Adrián Sieiro, David Barreiro, Diego Romero, Pablo Graña, Antía Jácome, Sara Ouzande ou Jennifer Casal subiranse á súa embarcación esta fin de semana para competir polo cetro autonómico máis disputado que se lembra.
Unha das probas que se presentan máis igualdas e emocionantes será o C1-1000 masculino no que o combarrés Adrián Sieiro parte como favorito, pero terá que ofrecer a súa mellor versión para bater a David Barreiro, Diego Romero ou Pablo Graña. Este último parte tamén como un dos favoritos na distancia máis curta C1-200 na que se presenta como unha carreira feroz.
No resto de modalidades, Roi Rodríguez, do Kaiak Tudense, parece o principal candidato a gañar nas probas de kaiak masculino, mentres que a súa compañeira Sara Ouzande é a favorita no cadro feminino. En canoa, a pontevedresa Antía Jácome parte con vantaxe.
A pesar da calidade do elenco, na lista de participantes hai notadas ausencias como a de Teresa Portela ou Rodrigo Germande, que pertencen a clubs doutras comunidades autónomas; a de Sergio Vallejo, que está a se recuperar dunha lesión no cóbado; así como as de Carlos Arévalo ou o medallista olímpico Cristian Toro, que non se inscribiron no campionato.
En categoría júnior os canoistas da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra Pablo Crespo e Antía Otero deberán demostrar o nivel dos meses anteriores á pandemia para facerse co título. En kaiak, os que parten con máis opcións de vitoria son Irene Lata, do Ría de Betanzos; e Miguel Paz, do club de Verducido.
A competición reunirá no complexo deportivo pontevedrés a preto de 400 deportistas que competirán tanto en probas individual e por equipos para facerse co campionato galego das distancias 200, 500 e 1000 metros tanto en canoa como en kaiak.
Para o sábado está prevista a disputa de todas as probas de categoría júnior, desde as 10 ata as 18.30 horas, mentres que os deportistas de categoría sénior competirán o domingo, desde as 9.30 ata as 19.30 horas.