A croata Tara Wurth e o danés Elmer Moller, vencedores do Torneo Internacional Júnior de tenis de Sanxenxo

Sanxenxo
21 de outubro 2019

A arousá Jéssica Bouzas realizou un gran torneo, pero cedeu nas semifinais do cadro individual feminino ante a tenista que finalmente se fixo co título

Finalistas masculinos do 18 Torneo Internacional Júnior ITF de Sanxenxo

O 18º Torneo Internacional Junior ITF de Tenis de Sanxenxo chegou a fin de semana ao seu fin tras unha semana de emoción e deportividade nas pistas do Círculo Cultural Deportivo.

A croata Tara Wurth proclamouse vencedora na categoría feminina despois de superar na gran final á letona Patricija Spaka. Wurth plantouse no duelo polo título tras eliminar na semifinal á arousá Jéssica Bouzas, que ata entón protagonizara un gran torneo.

Na final, a tenista croata tivo que repoñerse a unha primeira manga na que o seu rival foi tremendamente superior (1-6), pero terminou remontando ao facerse con apuros co segundo set (7-5) e dominar o set definitivo (6-0).

En canto á final masculina o danés Elmer Moller, primeiro cabeza de serie do cadro, fixo valer os prognósticos ao vencer ao francés Timo  Legout (6-3, 6-4) con autoridade.

Así se pechou a última edición do Torneo Internacional Júnior de Sanxenxo como 'Grao 2', xa que o próximo ano o torneo ITF júnior máis veterano do calendario nacional será da máxima categoría, 'Grao 1', por primeira vez na súa historia.

Esta semana toma a testemuña da competición no Círculo Culutral Deportivo de Sanxenxo a 12ªedición do seu Torneo Internacional Cadete.