A cuarta vitoria consecutiva do Pontevedra pasa por Coruxo

Pontevedra
13 de abril 2019

Os granates viaxan este domingo (18:00 horas) ao estadio vigués do Vao na busca de tres puntos que lles permitan, por primeira vez esta tempada, pisar os postos de play-off de ascenso. Espérase unha nutrida presenza de afeccionados pontevedreses nas bancadas

Romay, durante un adestramento do Pontevedra Mónica Patxot

O estadio vigués do Vao dividirase este domingo (18:00 horas, TVG2) entre o verde do seu equipo, o Coruxo e o granate dun Pontevedra que busca a súa cuarta vitoria consecutiva en liga para pisar, por primeira vez esta tempada, os postos que dan acceso ao play-off de ascenso.

Os de Luismi están a un punto da cuarta praza e queren aproveitar o seu bo momento ante un rival difícil de bater, como testemuñan as 13 xornadas que acumula sen perder (9 empates, os 6 últimos consecutivos).

"Para mí el Coruxo con el Castilla y la Cultural a nivel de fútbol combinativo son los tres equipos que mejor lo practican", recoñece o técnico pontevedrés, que pide aos seus "mucha concentración".

Ante a solidez do conxunto vigués o Pontevedra tira de ilusión ante o obxectivo polo que pelexa nas seis últimas xornadas de campionato. "Contra la ilusión y nuestro sueño nadie va a poder", reforza Luismi.

As baixas non serán un problema nesta ocasión para o Pontevedra, que só contou esta semana cun xogador mermado, Álex González, mentres que o Coruxo perderá por sanción un futbolista importante, o centrocampista Antón de Vicente.

Non estará só o equipo granate no Vao, xa que se espera unha importante presenza de afeccionados pontevedreses nas bancadas, xa sexa a través da viaxe organizada en autocares polo club ou en coches particulares.

As entradas para o duelo terán un prezo único de 10 euros (gratis para os menores de 14 anos) e o colexiado do encontro será o catalán Albert Ávalos Martos.