A derrota do Pontevedra Rugby Club consuma o descenso, pero o club xa pensa no regreso á elite

Pontevedra
16 de marzo 2021

As pontevedresas caeron no último e denifitivo partido pola permanencia na División de Honra B contra Las Rozas por 31 a 17, o que significa o regreso á categoría autonómica despois dunha tempada na segunda máxima categoría do rugby feminino español

Plantel do Pontevedra Rugby Club que xogou na tempada 2020/2021 na División de Honra B
Plantel do Pontevedra Rugby Club que xogou na tempada 2020/2021 na División de Honra B

Final da aventura do Pontevedra Rugby Club na División de Honra B do rugby feminino español. O equipo pontevedrés disputaba unha final esta fin de semana a domicilio contra o seu rival directo en Las Rozas que finalmente se decantou ao lado local por 31 a 17.

As pontevedresas despídense con este resultado dun fugaz paso por esta categoría nacional nun ano marcado pola situación sanitaria e que se resolveu cunha liga exprés de só sete xornadas nas que as galegas foron de menos a máis, pero que por desgraza esa melloría non foi suficiente para conseguir algún triunfo.

Nin no club nin na cidade concíbese este paso pola segunda máxima categoría deste deporte como un fracaso. Foi como un máster e tanto na directiva como no vestiario están convencidos de que o regreso á elite está máis preto que lonxe. 

"Non puido ser, pero non por iso vímonos abaixo. Estamos moi orgullosos das nosas Irmandiñas. Por pelexar ata o final, por mellorar tantisimo e por dar unha boa lección en todos os momentos que saltaron ao campo", compartiu o club nos seus perfís de redes sociais.

"O camiño acábase aquí e foi un camiño incrible. Grazas a todas as xogadoras por dar o mellor de si e ao staff técnico sen o cal esta experiencia non sería posible", conclúe unha publicación que motivou numerosas mensaxes de apoio que animan ao club para seguir traballando por colocar a Pontevedra entre os mellores equipos do panorama nacional.