O Pontevedra Club de Fútbol afrontará este próximo sábado 10 de febreiro (17.00 horas) unha complicada saída ao campo do Guijuelo, última da tempada en céspede artificial e casa do actual quinto clasificado, que só perdeu un encontro este curso como local.
Á empresa xa de seu difícil únese unha complicación inesperada, a baixa de Rufo tras recomendarlle o médicos "repouso deportivo" por precaución despois de sufrir unha indisposición na última xornada de liga.
Substituír o pichichi do equipo e de toda a categoría, con 16 goles este curso, será unha responsabilidade para o compañeiro que ocupe o seu posto.
Neste sentido todas as miradas apuntan cara a Charly López, futbolista que aterrou no verán en Pasarón como un dos mellores artilleiros da Segunda RFEF (15 goles o curso pasado) pero que se viu eclipsado polo rendemento do seu compañeiro, tendo que achegar habitualmente desde o banco.
Yago Iglesias deulle minutos a Charly en 20 das 21 xornadas de liga, pero só en tres delas saíndo no once titular. A última vez que iso ocorreu foi na cuarta xornada contra o Cayón. Por ese motivo os seus minutos sobre o céspede limitáronse a 540 ata o momento.
Agora, unha volta completa despois e tras achegar tres goles partindo como suplente (cunha media notable dun gol cada 180 minutos), ao atacante granate preséntaselle unha boa oportunidade de reivindicarse e de poñer, se cabe, a elección máis complicada ao seu adestrador.
A de Rufo non será en todo caso a única baixa sensible para o Pontevedra en Guijuelo, xa que os granates tamén perden por sanción para este partido a Samu Mayo.