Xornada complicada a que ten por diante o Pontevedra Club de Fútbol este sábado. O conxunto granate visita a un Guijuelo (17:00 horas) que só perdeu un partido na súa casa coas ausencias de dous fixos no once incial: Rufo e Samu Mayo.
No caso do primeiro, "está a seguir o proceso e atópase ben. Está á espera de recibir resultados e a partir de aí veremos a evolución", di Yago Iglesias, que recoñece que dentro do club están "tranquilos".
Coa baixa que xa contaban era coa do medio centro, que chegou ao partido do Cayón con catro amarelas e xa se esperaban que tarde ou cedo chegaría a quinta. É por iso, que a pesar de ser un home "importantísimo, temos xogadores suficientes, coa calidade suficiente e a capacidade para adaptarse a calquera situación", admitiu o técnico.
Con todo, aínda que as ausencias estean suplidas, o Pontevedra vai atopar cun terreo de xogo de herba sintética, "que unha vez máis é diferente ao que estamos afeitos" e "as condicións climatolóxicas", que afectarán aos dous equipos por igual e é "importante ter en conta", lamentou.
Neste sentido, o adestrador granate espera que o partido sexa "moi pechado". Ata o momento, en Guijuelo déronse "resultados curtos e os goles son en xogadas con accións que nos van a obrigar a estar concentrados". Por iso quere que os seus xogadores teñan claro o que teñen que facer coa pelota e estean "moi vivos e concentrados" polo que poida pasar e así "facer un partido serio seguindo a liña de Ourense e Langreo. Vai haber momentos e se os aproveitamos traeremos os tres puntos".