A Xunta Directiva da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) emitiu un comunicado de apoio cara ao presidente da entidade, Rafael Louzán, tras coñecer a sentenza do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra polo que foi condenado a dous anos de prisión e 8 de inhabilitación para exercer un cargo público por prevaricación e fraude cando ocupaba o posto de presidente da Deputación de Pontevedra.
En concreto a sentenza acredita irregularidades nas obras do campo de fútbol de Moraña, para as que a Deputación concedeu unha subvención de 86.311 euros.
Amparándose na presunción de inocencia, os directivos asegura confiar "plenamente" en que o recurso anunciado por Louzán ante a Audiencia Provincial supoña a anulación da condena.
En todo caso a xunta directiva da Federación Galega de Fútbol sinala que "os feitos xulgados pertencen a un expediente iniciado no ano 2011 e por tanto alleos á xestión federativa, xa que Rafael Louzán chega á presidencia da RFGF co respaldo maioritario do fútbol galego no ano 2015".
Por todo iso explican no seu comunicado que "de maneira unánime, os directivos queren mostrar o seu apoio público e total ao presidente da RFGF pola xestión realizada durante estes anos e que continúa levando a cabo á fronte do ente federativo".