A distancia sprint resísteselle a Gómez Noya, cuarto en Gold Coast

Pontevedra
08 de abril 2017

O mallorquino Mario Mola foi o vencedor da segunda carreira da tempada das Series Mundiais celebrada en Australia, co talaverano afincado en Pontevedra Fernando Alarza no terceiro chanzo do podio. Gómez Noya mantén o liderado na clasificación xeral  

Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Abu Dhabi
Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Abu Dhabi / Janos M.Schmidt / ITU Media

Non puido repetir vitoria Javi Gómez Noya na segunda carreira das Series Mundiais celebrada este sábado na localidade australiana de Gold Coast, pero polo menos puido reter o liderado da clasificación xeral.

O triatleta galego foi cuarto nunha carreira disputada baixo distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), que non se adapta tan ben como outras ás súas características.

A pesar diso tentouno todo. Tras saír da auga nas primeiras posicións marchou na cabeza nun grupo de cinco no que tamén destacaba o surafricano Henri Schoeman. Por detrás, a só 9 segundos, estaban o resto de grandes favoritos, que non permitiron que a fuga callase e neutralizárona a falta de 11 quilómetros para a transición.

Só o australiano Fisher rompeu o grupo nos quilómetros finais da bicicleta para alcanzar ata 16 segundos de renda na última transición, pero non era rival. Apenas un quilómetro de carreira a pé serviu para definir as posibilidades de cada un e na cabeza quedaron só cinco triatletas, entre eles tres españois como Mario Mola, Fernando Alarza e o propio Gómez Noya xunto a Richard Murray e Birtwhistle.

Este último foi o primeiro en quedar descolgado para despois, a falta de 1,5 quilómetros, reducirse as opcións de vitoria a un duelo entre Richard Murray e Mario Mola, que incrementara o ritmo. Por detrás a pelexa polo bronce era para Alarza e Gómez Noya.

Ao final Mola superou con claridade ao sprint a Murray para facerse co triunfo tras 52 minutos e 35 segundos de esforzo. Segundo foi Murray e terceiro, a 10 segundos, un Fernando Alarza ao que non puido seguir o galego (52:51).

Son con todo importantes puntos para Gómez Noya, que se mantén como líder das Series Mundiais con 1.433 puntos, seguido de Murray (1.326), Alarza (1.318) e Mario Mola (1.264).

A próxima cita das Series Mundiais, xa en distancia olímpica, disputarase o día 13 de maio en Yokohama, Xapón.