A dúbida está na portería

Pontevedra
09 de marzo 2016

Con Edu Sousa recuperado e adestrando a pleno rendemento, a preocupación céntrase agora no estado físico de Company, que cun golpe no cóbado non traballou este mércores co resto dos seus compañeiros. Confía en estar a punto para o choque ante o Arandina

Edu Sousa adestrando en Príncipe Felipe PontevedraViva

Debutou con nota ante o Racing de Santander tras unha inesperada lesión de Edu e repetiu a pasada fin de semana en Astorga deixando a súa portería a cero.

Vicente Company quere poñer a Luisito nunha situación complicada á hora de elixir o seu porteiro titular, aínda que os problemas físicos ameazan con deixarlle fóra de combate.

Con Edu Sousa xa recuperado e adestrando a pleno rendemento, é o propio Company o que agora non pode exercitarse ao mesmo ritmo que os seus compañeiros tras sufrir un golpe no cóbado a principios de semana.

O gardameta valenciano traballou este mércores en solitario sobre o céspede artificial de Príncipe Felipe baixo as indicacións do fisioterapeuta Manu Barros e o adestrador de porteiros, Moncho. Conta con incorporarse ao grupo o xoves e estar dispoñible para o choque ante o Arandina, pero a situación dá vantaxe a Edu na carreira pola titularidade, unha condición que o tudense gañou por méritos propios grazas á súa regularidade e rendemento baixo paus desde o inicio de tempada.

Company é a única dúbida para Luisito, que só conta para a cita do domingo (17:00 horas) en Pasarón coas baixas de Pablo Carnero e Capi por lesión. Ambos os futbolistas seguen sen facer traballo de campo recuperándose de senllas roturas musculares.