A efectividade do Leis decide o derbi ante o Bueu (3-4) no inicio liguero

Pontevedra
21 de setembro 2015

Os pontevedreses aproveitaron varios erros dos locais para levarse os tres puntos na primeira xornada de liga na Segunda División B de fútbol sala  

Manu Cossío nun partido do Leis no Municipal
Manu Cossío nun partido do Leis no Municipal / Diego Torrado

O derbi co que arrancou a liga de Segunda División B de Fútbol Sala decantouse do lado do Leis, que venceu por tres goles a catro ao ADFS Bueu no Pavillón Municipal Pablo Herbello.

Os pontevedreses tiraron de solidez defensiva e efectividade nas súas chegadas para superar a un conxunto, o Bueu, que debutaba na categoría.

Adiantáronse os locais, pero antes do descanso os de Manu Cossío deron a volta ao marcador.

Na segunda metade o Bueu repúxose para colocarse de novo en vantaxe (3-2), pero o Leis grazas a unha acción de estratexia e unha boa contra, aproveitando un erro na saída dos locais, remontaron por segunda vez.

Aínda tiveron que sufrir os pontevedreses para levarse o triunfo ante un conxunto local que buscou, sen éxito, a igualada co porteiro-xogador.