Poñer en marcha a Epic Race de ciclismo BTT "creo que foi unha grande decisión". Así o defendeu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, este xoves na presentación oficial da proba deportiva, que "se está convertindo nunha grande referencia" conseguindo ademais "vincular o deporte co turismo, co territorio e cos nosos valores".
A competición ciclista de resistencia celebrarase os días 4 e 5 de xuño cun percorrido na súa versión máis longa de 300 quilómetros ou de 200 quilómetros na súa opción máis curta, todo iso en formato ' non stop' cun límite de 28 horas e 19 horas respectivamente para completar as distancias xa sexa de maneira individual ou por equipos de ata tres corredores.
En total serán 300 os deportistas participantes con presenzas destacadas como o actual campión de España da especialidade, Juan Pedro Trujillo.
Ademais "queremos que este ano conte con máis espectacularidade", explicou Josevi Cimadevila, responsable da empresa organizadora Global DxT, acompañado da presidenta provincial e de representantes dos sete concellos en estaranos situados as estacións de paso.
A saída da proba, que contará con 7 etapas, darase desde a Avenida Montero Ríos de Pontevedra, punto tamén que vivirá o final de Epic Race, xunto ao Pazo Provincial da Deputación.
Nesta ocasión as etapas para completar son: Pontevedra-Meaño, Meaño-Portas, Portas-Moraña, Moraña-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Redondela e Redondela-Pontevedra.
Durante todo o percorrido, destacaron na presentación, a Epic Race atravesará por terreos de ata 97 comunidades de montes ao longo de 18 municipios da provincia, un dato que reflicte a complexidade da súa organización.