A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra destaca na 'Dragon Boat'

Pontevedra
27 de xaneiro 2019

Máis de 300 deportistas de diferentes idades participaron este sábado na agardada segunda edición da regata da modalidade de orixe chinés no tramo urbán do río Lérez

As proximidades da ponte dos Tirantes enchéronse de palistas durante a cita
As proximidades da ponte dos Tirantes enchéronse de palistas durante a cita / Diego Torrado

As augas do río Lérez acolleron este sábado a segunda edición do Festival Internacional 'Dragon Boat', a modalidade de orixe chinesa que a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra tenta implantar na cidade.

Nesta ocasión, a cita contou coa participación de máis de 300 deportistas de diferentes idades procedentes de diversas zonas de Galicia e Asturias. Ademais, a xornada estivo marcada polo bo tempo, que fixo que a proba, organizada polo mencionado club, fose aínda máis entretida.

As regatas comezaron ao redor das 10:00 horas e desenvolvéronse nas proximidades da ponte dos Tirantes, zona que permaneceu abarrotada de palistas e interesados ata as 19:00, aproximadamente. O día finalizou coa entrega de premios aos gañadores nas diferentes categorías.

En primeiro lugar, no grupo masculino, o vencedor foi o equipo asturiano, que destacou cun total de 20 puntos, fronte aos 17 do das Torres de Catoira, que terminou en segunda posición. No caso da proba feminina, o club anfitrión da competición fíxose co ouro, do mesmo xeito que na regata mixta. 

Finalmente, na clasificación xeral por clubes, a gañadora foi a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra (54 puntos). En segundo lugar, alzouse o Club Náutico de Pontecesures, con 50; co bronce, As Torres-Romaría Viquinga, con 48; e, fóra do podio, a Selección Asturiana, con 20 puntos.

En definitiva, foi unha xornada distinta, na que os palistas, de calquera categoría e condición física, gozaron da oportunidade de participar nunha modalidade divertida á vez que novidosa para moitos deportistas.

SOLIDARIEDADE

Ademais das mencionadas, nesta ocasión, a cita, que aspira a consolidarse no calendario deportivo de Pontevedra, tamén incluíu a categoría especial BCS. A finalidade desta non é outra que a de concienciar a todos sobre a loita contra o cancro de mama. Por iso, nesta proba participaron mulleres que lle prantaron cara á enfermidade.

Accede ás clasificacións completas neste enlace.