Todos os clubs galegos participaron no XLI Trofeo Princesa de Asturias que se celebraba este mércores 15 desde a praia de Baltar en Portonovo, Sanxenxo, ata a ponte do Burgo, en Pontevedra, un percorrido de 20 quilómetros pola ría.
A saída dábase ás 11.30 horas para todas as embarcacións K4 e C4 das categorías senior e veteranos. Tamén á mesma hora, pero desde a praia de Combarro iniciaban o seu percorrido as embarcacións de K2 das categorías cadete e xuvenil.
Por segundo ano consecutivo, o Club Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra logrou vencer na clasificación xeral por equipos obtendo 2083 puntos, mentres que a segunda posición foi a mans do Club Naval de Pontevedra, con 1.310 puntos. Por último, o terceiro posto levoullo o Club Piragüismo Rías Baixas, con 977 puntos. Cunha vitoria máis, o conxunto pontevedrés gañador este ano obterá o trofeo en propiedade.
A primeira embarcación K4 en cruzar a liña de chegada foi a de Brais Sánchez, Javier Conde, Antonio Palmás e Breixo Buján do Piragüismo Vilaboa cun tempo de 01:10:46 milésimas, seguido polo Naval de Pontevedra e polo equipo de Piragüismo Portonovo.
En C4, a tripulación formada por Damián González, Yerai García, Rois Baulde e Alberto Longa obtiña a vitoria, seguida por unha embarcación mixta. As mulleres do Club As Torres Romaría Viquinga de Raquel Da Costa, Fátima Ordóñez, Ángela Baulde e Antía Santiago conseguiron o triunfo cun tempo de 01:24:50 milésimas e a medalla de prata foi para a piragua Club de Mar Ría de Aldán.
Na categoría cadete foron Miguel Paz e Álvaro Cidre (Piragüismo Verducido) en K2, Santiago Gómez e Martín Jácome (E. P. Cidade de Pontevedra) en C2 e Nuria Romeu xunto con Candea Fernández (Kaiak Tudense). Mentres que na categoría xuvenil impuxéronse Álvaro López e Jaime Duro (E. P. Cidade de Pontevedra) e Lara Feijoo con Joana Dous Santos (Kaiak Tudense) en K2.
Na categoría de veteranos, a medalla de ouro levoulla a piragua de Carlos Pedreira, José Menéndez, Jose García e Antonio Polo.
As clasificacións poden consultarse na web da Federación Galega de Piragüismo.