O Ciudad de Pontevedra consegue a vitoria no Descenso Internacional do Miño

Pontevedra
19 de agosto 2018

Superou o Club Naval de Pontevedra na clasificación xeral nun descenso internacional que superou todas as súas cifras de participación con máis de 600 padexeiros convertendo a xornada en toda unha festa do piragüismo

O Ciudad de Pontevedra, vencedor do XLVII Descenso Internacional do Miño
O Ciudad de Pontevedra, vencedor do XLVII Descenso Internacional do Miño / Federación Galega de Piragüismo

Toda unha festa do piragüismo, popular e de competición. Así foi este sábado o XLVII edición do Descenso Internacional do Miño, que bateu todos os seus rexistros de participación con máis de 600 padexeiros chegados de Galicia, Portugal, Asturias e Arxentina.

Na clasificación xeral por equipos o dominio foi pontevedrés, sendo a vitoria final para a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra (1.877 puntos) superando ao Club Naval de Pontevedra (1.551 puntos), sendo terceiro o club local, o Kayak Tudense (1.497 puntos).

Foron 14 quilómetros de percorrido por augas do Miño desde Salvaterra ata Tui, no que os máis rápidos foron Brais Sánchez e Antonio Palmás (Club Piragüismo Vilaboa) na modalidade de kaiak, repetindo o triunfo de hai poucos días no Trofeo Princesa de Asturias, ao impoñerse ao sprint aos seus compañeiros de equipo Breixo Buján e Diego Castro, mentres que a terceira posición sería para a embarcación do Naval de Pontevedra de Ion Carballo e Adrián García.

A vitoria en K-1 sénior levouna Iván Alonso (Piragüismo Olívico) e Tania Fernández (Kaiak Tudense), no  C-1 Manuel Garrido (Kayak Tudense) e María de la Peña (Ciudad de Pontevedra), no  C-2 de Rui Duarte e Ricardo Coelho (Ponte de Lima) e no K-2 Jessica Moledo e Noelia Moledo (Club de Mar Ría de Aldán).