A Escola Hungaresa de Esgrima ponse a punto cunha dobre medalla no Trofeo Sant Jordi

Pontevedra
22 de abril 2021

A proba, celebrada na localidade catalá de Sabadell, era puntuable para a clasificación nacional de sabre de categoría M-15 e clasificatoria para o Campionato de España 

Pilar Garnelo e Inés Silva no podio do Trofeo Sant Jordi de Esgrima
Pilar Garnelo e Inés Silva no podio do Trofeo Sant Jordi de Esgrima / Escola Hungaresa de Esgrima

O Trofeo Sant Jordi de esgrima, celebrado na localidade catalá de Sabadell, deixou un bo sabor de boca na Escola Hungaresa.

O club pontevedrés regresou da competición, puntuable para a clasificación nacional de sabre de categoría  M-15 e clasificatoria para o Campionato de España, cunha dobre medalla.

Pilar Garnelo conseguiu subir todo o máis alto do podio da súa categoría, mentres que Inés Silva levou o bronce. Ambas as no sabre feminino no que tamén tomou parte a súa compañeira Ángela Nogueira.

As tres superaron a fase de grupos en 1ª, 4ª e 17ª posición respectivamente. Silva e Garnelo clasificáronse directamente para o cadro de 16 tiradoras, mentres que Nogueira tivo que desputar o cadro de 32 tiradoras, onde caeu eliminada.

As dúas representantes pontevedresas foron avanzando roldas ata as semifinais, onde se enfrontaron entre si con triunfo para Pilar Garnelo por 15 tocados a 11. Despois Garnelo superou na final á madrileña Lucía Jimeno (15-5) conseguindo a súa cuarta medalla nesta competición, tras os bronces de 2018 e 2019 e a prata de 2020.

O equipo da Escola Hungaresa completárono no sabre masculino Samuel Ogando, Juan Ocampo e  André Martín.

Os tres superaron a fase de grupos, sendo a mellor clasificación final a de Ogando (16º). Pola súa banda Juan Ocampo foi 27º e  André Martín cedeu na primeira eliminatoria, no taboleiro de 64 tiradores.