A Escola Xadrez Pontevedra pide axuda para manter o seu proxecto solidario en Xordania

Pontevedra
09 de marzo 2017

O obxectivo do club pontevedrés é manter e potenciar a escola de xadrez creada hai un ano, coa colaboración de Xadrez sen Fronteiras, no Campamento de Refuxiados Sirios en Azraq (Xordania), para o que solicitan a colaboración de todos os pontevedreses

Proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania
Proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania / Escola Xadrez Pontevedra

Hai xa un ano a Escola Xadrez Pontevedra puxo en marcha, en colaboración de Xadrez sen fronteiras, unha escola de xadrez no Campamento de Refuxiados Sirios en Azraq (Xordania). Trátase dunha iniciativa enmarcada no proxecto Xadrez pola Paz coa que pretenden mellorar a calidade de vida no campamento e fomentar a formación de nenos e adultos.

Agora, doce meses despois, o club pontevedrés quere "manter e potenciar" a escola, polo que xa planea unha segunda viaxe a Azraq que realizará no mes de abril e para o que pediu a colaboración de todos.

Os representantes da Escola Xadrez Pontevedra estarán nesta ocasión dez días en Xordania traballando no ensino do xadrez "a todos os niveis e idades, continuaremos formando e perfeccionando aos monitores da escola e levaremos material a distintas áreas do campamento", recoñece.

É neste último punto no que piden axuda a todos os pontevedereses e cidadáns en xeral, para que acheguen taboleiros de xadrez enrollables ou material lixeiro, pezas, xogos adaptados para non videntes, outros que sexan pequenos ou magnéticos ou bolsas de tea para poder gardar as pezas.

Ademais poderase colaborar co proxecto mediante a compra dunha rifa ou cun donativo na conta ES27 2080 3116 0830 4000 4686.

Para calquera información adicional o club, que realiza a súa actividade regular nas instalacións do Casino Mercantil, remite aos interesados ao seu correo electrónico: [email protected].