Despois de varias semanas de procura e negociacións, o Club Baloncesto Arxil atopou á xogadora que substitúa á venezolana Waleska Pérez.
Trátase da compostelá Arantxa Mallou, escolta de 25 anos que procede do Lousada portugués, aínda que conta cunha ampla experiencia na Liga Feminina 2 tras pasar por Cortegada, Ensino, Las Rozas ou Pabellón de Ourense, ademais de militar na máxima categoría nacional co CB Conquero.
Arantxa, internacional española en categorías inferiores chegando a proclamarse campioa de Europa Sub-20, pode xogar tamén no posto de base, e chega para axudar a un equipo que ante a baixa de Waleska e a lesións de xogadoras como María Centeno ou Ana Román viu minguado o seu rendemento ata caer ata a metade da táboa.
Coa súa achega o Arxil espera poder remontar posicións na segunda volta da competición.
A xogadora santiaguesa, que xa se adestrou este martes ás ordes de Mayte Méndez, debutará previsiblemente en liga o vindeiro sábado 21 (19:30 horas) na visita do ADBA Avilés ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.