O Arxil recupera as boas sensacións para superar con claridade ao ADBA Avilés (80-58)

Pontevedra
21 de xaneiro 2017

Despois de tres derrotas consecutivas o cadro pontevedrés retomou á senda da vitoria na Liga Feminina 2 coincidienco co partido de debut de Arantxa Mallou coa camiseta verde

Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD
Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD / Diego Torrado

Despois de tres derrotas consecutivas na Liga Feminina 2, o Club Baloncesto Arxil recuperou a confianza aproveitando a visita do ADBA Avilés ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (80-58).

As verdes empezan a esquecer as lesións que minguaron o seu rendemento, e coincidindo co primeiro partido da compostelá Arantxa Mallou, fichada esta semana, recuperaron a súa mellor versión.

Desde o inicio dominaron as de Mayte Méndez, especialmente inspiradas en ataque. Así, nun gran primeiro cuarto marcaron as primeiras distancias importantes (26-14).

Recuperouse timidamente desde a defensa o equipo asturiano para chegar ao descanso 43-33, pero no terceiro cuarto o Arxil foi demoledor e deixou senteciado o partido (70-44), polo que se limitou nos últimos minutos a controlar a súa ampla vantaxe.

Ademais de Mallou, que na súa estrea logrou 11 puntos, outras tres xogadoras arxilistas lograron dobres díxitos, destacando Minata Keita (25 puntos), que estivo ben acompañada por Ana Román (16) e María Lago (14).

Con este resultado o Arxil segue en metade de táboa, con sete vitorias e oito derrotas, a tres da zona de play-off.

Consulta aquí as estatísticas do Arxil-ADBA Avilés.