A estrea ligueira, co árbitro do Mensajero

Pontevedra
13 de agosto 2015

O Comité Técnico de Árbitros da Real Federación Española de Fútbol designou ao asturiano César Ramos Domínguez como colexiado do primeiro partido de liga da tempada en Pasarón, o domingo 23 de agosto ante o Guijuelo. Foi o árbitro do polémico Pontevedra-Mensajero no que os canarios ascenderon na quenda de penaltis

César Ramos, árbitro do partido polo ascenso entre Pontevedra e Mensajero
César Ramos, árbitro do partido polo ascenso entre Pontevedra e Mensajero / Diego Torrado

Pouca sensibilidade demostrou a Real Federación Española de fútbol coas designacións arbitrais da primeira xornada de liga na Segunda División B.

O Comité Técnico de Árbitros decidiu que o asturiano César Ramos Domínguez sexa o encargado de dirixir o partido entre o Pontevedra e o Guijuelo o 23 de agosto no Estadio Municipal de Pasarón.

En si mesmo isto non debería ser noticia, pero trátase do colexiado do polémico partido entre Pontevedra e Mensajero no que os canarios eliminaron o equipo granate nos penaltis tras un choque que foi cualificado polo adestrador do Pontevedra, Luisito, como "a maior vergoña que vivín nun campo de fútbol".

E é que os granates se sentiron claramente prexudicados polas continuas perdas de tempo dos xogadores visitantes que fixeron que "de 120 minutos só se puidesen xogar 30", explicou Luisito aquel fatídico 31 de maio na sala de prensa, no que chegou a declarar que "se digo o que penso me meten non cárcere".

Ademais xogadores e corpo técnico queixáronse no seu día do escaso desconto malia as interrupcións do xogo, incluída a lesión do colexiado, e dun gol anulado que tivese suposto o ascenso.

Agora, dous meses e medio despois daquel día, non só o trenciña ascendeu de categoría, senón que se estreará en Segunda B no mesmo escenario, o Estadio Municipal de Pasarón, tras unha decisión difícil de entender polo recente da polémica e as situacións de tensión que se poden xerar innecesariamente no estadio pontevedrés.