A Europa Cup de waterpolo levanta o pano e completa as súas semifinais

Pontevedra
22 de marzo 2018

A primeira xornada da competición internacional contou con dous encontros que levaron á piscina olímpica de Pontemuíños o waterpolo de elite. España entre en xogo este venres na segunda das semifinais, prevista para as 20:30 horas

Primeira xornada da Europa Cup en Pontevedra
Primeira xornada da Europa Cup en Pontevedra / LEN European Aquatics

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur respira waterpolo polos catro custados coa celebración da fase final da Europa Cup.

A primeira xornada da competición continental iniciouse cos adestramentos dos equipos nacionais participantes, e concluíu coa disputa dos cuartos de final.

As primeiras en saír a escena foron as seleccións nacionais de Holanda e Italia, nun partido no que o conxunto italiano comezou mandando no primeiro cuarto pero no que Holanda terminou cumprindo os prognósticos para impoñerse por 8 goles a 6.

Despois chegaba a quenda dos equipos de Hungría e Rusia, nun duelo no que as rusas mandaron no marcador desde o inicio do primeiro cuarto a pesar da aparente igualdade no xogo. Así foron abrindo oco para marcharse ao descanso 2-6 arriba, e aínda que Hungría tratou de reaccionar non conseguiu culminar a remontada nos minutos finais cedendo por 9-11.

Desta forma quedaron conformadas as semifinais do torneo, a disputar este venres 23 e nas que entrarán como cabezas de serie España e Grecia. A entrada en competición das actuais subcampioas do Mundo augura ademais un gran ambiente nas bancadas da piscina olímpica.

A xornada do venres, con entrada de balde para o público ata completar aforamento, iniciarase ás 17:00 horas co choque polo 5º e 6º posto, para dar paso despois ás semifinais. A primeira enfrontará a Grecia e Holanda (18:45 horas) e a segunda a España con Rusia (20:30 horas).

En xogo estará o pase á final da competición prevista para o sábado ás 14:00 horas e que decidirá que país estrea o palmarés da Europa Cup Feminina de waterpolo.