A falta de campo para adestrar en fin de ano condiciona a primeira semana de traballo do Pontevedra

Pontevedra
29 de decembro 2014

Os granates retoman a actividade coa ausencia de Tubo, afectado dun proceso vírico. Luisito programa sesións para toda a semana, pero o peche dos campos da Xunqueira o 31 de decembro e 1 de xaneiro dificúltao

Primeiro adestramento do Pontevedra tras o parón de Nadal
Primeiro adestramento do Pontevedra tras o parón de Nadal / Mónica Patxot

O primeiro plantel de Pontevedra Club de Fútbol volveuse vestir de curto este luns na volta ao traballo tras o parón do Nadal pensando xa no encontro do próximo domingo ante o Cerceda.

Entre os presentes, 16 xogadores do primeiro equipo máis o xuvenil Iago e o xogador do filial Agus, destacou a ausencia de Tubo que quedou na casa con febre afectado dun proceso vírico.

Pola contra si saltou ao céspede Fran Fandiño para exercitarse xunto ao fisioterapeuta do club, Manu Barros, iniciando así a fase final da súa recuperación.

Luisito mostrouse ao termo da sesión satisfeito co estado dos futbolistas: "Vinos tan ben que de momento o peso nin llo collín", recoñeceu con respecto aos habituais excesos das datas do Nadal.

En todo caso o preparador advertiu tamén aos seus xogadores que "saben o que lle vai a caer nestes días", nos que programou adestramentos intensos en busca de recuperar o bo ton físico.

O adestrador granate pretende traballar todos os días da semana, a excepción do sábado, pero aí encontrouse cun problema inesperado debido ao peche das instalacións municipais, entre elas os campos da Xunqueira, os días 31 de decembro e 1 de xaneiro.

Así o recoñeceu o propio Luisito: "en Pasarón parece ser que non se pode e o que quero é adestrar toda a semana", manifestou a conclusión do adestramento.

No plano deportivo o técnico deberá recompoñer unha vez máis a defensa ante o Cerceda, posto que Anxo causará baixa por acumulación de amoestacións.