A falta de efectivos condena o Arxil en Melilla (77-59)

Pontevedra
01 de abril 2022

O Club Baloncesto Arxil, xa clasificado para a fase de ascenso a falta de tres xornada,s caeu este venres por 77-59 no duelo ante o Melilla que fora suspendido por covid-19 no seu momento

Partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Melilla no CGTD
Partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Melilla no CGTD / Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil, xa clasificado para a fase de ascenso a falta de tres xornadas, caeu este venres por 77-59 no duelo ante o Melilla que fora suspendido por covid-19 no seu momento.

O conxunto pontevedrés, que chegou á cita xusto de efectivos (tan só viaxaron oito xogadoras) foi superado polo cadro local tras un nefasto primeiro cuarto que se traduciu nun 27-8.

A tendencia negativa mantívose no segundo cuarto e aínda que aplicaron unha marcha máis en defensa, de cara ao aro non había puntería e o marcador seguiu sendo moi desfavorable no momento no que se alcanzou o descanso (47-21).

Falou coas súas xogadoras Mayte Méndez no intermedio e deu coa tecla para mellorar en ataque, pero o partido xa estaba encarrilado para o Melilla, que só tivo que controlar a vantaxe para chegar ao último cuarto con todo decidido (67-41).

De feito, baixaron o ritmo as xogadoras locais nos instantes finais, aproveitando o Arxil a debilidade do rival para pasarlle por encima (10-18) aínda que non o suficiente, xa que o Melilla soubo manter a concentración o suficiente para facerse coa vitoria (77-59).

VIAXE A CÓRDOBA

Sen tempo para descansar, o Club Baloncesto Arxil xa pensa no partido deste sábado (19:00 horas) onde se medirá a un Córdoba que ten xogadoras moi determinantes como Licskay, Traore, Carlota, a ex arxilista Natalia López ou Barreiros.

O primordial para o equipo pontevedrés nesta cita será a saúde das xogadoras polo que, independentemente do resultado, esperan "que non haxa lesións".

Consulta as estatísticas do Melilla-Arxil