A falta de puntería priva ao Arosa do triunfo en Boiro (0-0)

O Salnés
22 de novembro 2015

O derbi da ría terminou en táboas sen que Boiro e Arosa conseguisen facer funcionar o marcador, nun partido con lixeiro dominio territorial do cadro de Barraña, pero no que as ocasións máis claras foron para os arlequinados, aos que a falta de puntería privou dunha vitoria que por ocasións mereceron

Boiro e Arosa en Barraña, apoiando a loita contra a violencia de xénero
Boiro e Arosa en Barraña, apoiando a loita contra a violencia de xénero / Federación Galega de Fútbol

O derbi da ría terminou en táboas sen que Boiro e Arosa conseguisen facer funcionar o marcador, nun partido con lixeiro dominio territorial do cadro de Barraña, pero no que as ocasións máis claras foron para os arlequinados, aos que a falta de puntería privou dunha vitoria que por ocasións mereceron.

Os prolegómenos do choque presentábanse cun acto de apoio á loita contra a violencia de xénero, con asistencia do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, ademais dunha ausencia importante nos locais e outra polémica nos visitantes.

José Luis Lemos non podía contar cun dos seus xogadores clave, Jorge Cano, sancionado, mentres Piscis tiña que afrontar a rebeldía do recentemente fichado porteiro Javi Sánchez, quen tras non ser aliñado a pasada xornada na Lomba, negábase a viaxar a Boiro se o técnico non o incluía no equipo inicial. Como foi Jorge Pérez quen ocupou a portería, a papeleta queda para ser resolta o vindeiro luns pola directiva que preside Manolo Abalo, que terá que optar por unha sanción disciplinaria ou pola rescisión de contrato e procura dun novo porteiro.

En canto ao partido, o Boiro comezou ben. Dominando territorialmente a un Arosa replegado pero que non renunciaba a saír en rápidas contras, case sempre con Sylla como protagonista.

Os locais terían a primeira ocasión clara aos cinco minutos, nun balón interior de Herbert para Yahvé, que non foi capaz de superar a Jorge Pérez no man a man.

Pero aos poucos o Boiro foi caendo nun xogo impreciso que lle daba a posesión, pero que terminaba na frontal sen apenas perigo. Herbert e Stefan tentábano pero con escaso perigo, mentres o Arosa cada vez que roubaba saía en rápidas transicións, case sempre a través das botas de Fran Fandiño e Adrián Camiño.

Precisamente sería Fran Fandiño o primeiro en avisar nun lanzamento desde a frontal, obrigando a Reguero a empregarse a fondo para mandar o balón a corner.

A seguinte sería para Sylla, nunha falta lanzada por Adrián Camiño que o dianteiro rematou de cabeza sen acerto, fóra, cando estaba só. Pero a máis clara chegaría no minuto 24. Primeiro Hugo Soto, que fixo unha gran xogada pero non puido rematar e logo Sylla, ao que lle chegou o balón solto no segundo pau, fallaron o imposible, especialmente o segundo, que mando o coiro fóra coa portería baleira e Reguero absolutamente batido.

Baixou o ritmo e o nivel na segunda parte. O Arosa seguiu defendéndose con orde e sen excesivos problemas, e volveu dispoñer da mellor ocasión para levar os tres puntos. Foi no minuto 65 cando unha parede con Adrián Camiño deixou só a Eloy pero non puido superar a Reguero, que evitou o gol coa súa saída.

Os últimos minutos foron un quero e non podo dun Boiro impotente, fronte a un Arosa que deu por bo o punto conseguido e preferiu non arriscar.

Consulta aquí a acta do partido.