A falta de Silvia Aguete na portería debilita ao Poio ante o Penya Esplugues (3-5)

Poio
06 de abril 2019

As catalanas volven puntuar a costa dun Poio Pescamar que, con esta nova derrota en casa, continúa sen meterse nos postos máis altos da clasificación

Partido entre o Poio Pescamar e o Penya Esplugues na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e o Penya Esplugues na Seca / Diego Torrado

O Poio Pescamar, tras a dura derrota da pasada semana en Lugo ante o Burela, encaixou este sábado outro mal resultado na pista do Penya Esplugues. Xa no pasado mes de novembro as locais non foron quen de derrotar ás catalás en casa. E agora, a falta de cinco partidos para o final da tempada, as 'rojillas' desaproveitan a oportunidade de meterse de cheo nos postos máis altos da clasificación, notando a ausencia na portería de Silvia Aguete.

Comezou moi ben o cadro local, que parecía facerse co control do choque. Con todo, un gol de Ale de Paz en propia porta aos cinco minutos do inicio, cambiaría tórnalas e poñería ás visitantes por diante no marcador. Xusto despois, cun saque de esquina das barcelonesas, Celia non dubidou en aumentar a súa renda e establecer o 0-2.

Pero non baixaría os brazos o Poio, que, por medio de Dani Sousa recortaría distancias un minuto despois (1-2). Continuaron pelexando por un empate que non chegaría no que restaba de primeira parte, chegando, mesmo, a encaixar un gol máis de Marta de los Riscos. Así, cunha vantaxe de dous a favor das catalás, chegaría o descanso.

Tras a continuación, as 'rojillas' buscaron máis intensidade no seu xogo. Tanto foi así, que crearon varias ocasións de perigo sobre a portería catalá. Pero sería o  Esplugues o que inauguraría o electrónico na segunda metade, nesta ocasión, cun gol de Pilar desde fóra da área (1-4).

Con poucas esperanzas de remontar, Dani Díaz optou polo xogo de cinco. No 11', Jessi conseguiu anotar o 2-4 nun ataque  posicional en estático. Tras unha perda de balón do Poio, Celia volvía facerse co control, anotando o quinto das visitantes a porta baleira desde cancha propia. Finalmente, Ale de Paz estableceu o definitivo 3-5 cun tanto de falta directa.

POIO PESCAMAR (3): Irene; Ceci, Dani Souza, Ale de Paz, Jenni (quinteto inicial), Jessi, Irene García, Cárol e Lidiane.

PENYA ESPLUGUES (5): Muniesa; Laura Oliva, Celia, Arantxa, Estela (quinteto inicial), Marta de los Riscos, Nerea, Pilar e Zoe.

Goles: 0-1 Ale de Paz (5' en propia porta), 0-2 Celia (9'), 1-2 Dani Sousa (10'), 1-3 Marta de los Riscos (20'), 1-4 Pilar (25'), 2-4 Jessi (31'), 2-5 Celia (34') e 3-5 Ale de Paz (37').

Árbitros: Dacal Deza e Sierra Márquez, do colexio galego, que mostraron cartulina amarela a Ale de Paz, do Poio Pescamar, e a Estela, Arantxa, Celia, Marta de los Riscos e Laura Oliva, do Penya Esplugues.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal de Poio, ante máis de 400 espectadores.