Igualadísmo partido entre o Leganés e o Poio Pescamar con final feliz para as vermellas (0-1)

Poio
13 de abril 2019

Ante a ausencia, unha semana máis, de Silvia Aguete na portería, as pontevedresas logran sumar tres importantes puntos a falta de cinco xornadas para a final da presente tempada

Aperta no partido do Poio Pescamar ante o Leganés
Aperta no partido do Poio Pescamar ante o Leganés / Diego Torrado

O Poio Pescamar conseguiu, esta fin de semana en Madrid, volver puntuar despois de dúas xornadas de seca (dúas derrotas ante o líder: o Burela, e o Penya  Esplugues). A falta de cinco partidos para o final da tempada, as pontevedresas recompuxéronse e lograron superar ao Leganés, que non goza dunha posición tan privilexiada como a das súas rivais (duodécimas coa metade de puntos), no pavillón La Fortuna. A pesar da ausencia, novamente, de Silvia Aguete na portería, souberon xogar as súas cartas para volver a Pontevedra con tres novos puntos.

O choque comezou moi equilibrado. Ambos os equipos conseguiron crear diversas ocasións de perigo fronte á portería contraria, pero que, con todo, non chegaron a nada. Ante esta situación, Ale de Paz creaba unha muralla na área visitante e Elena Aragón facía o propio na súa. No tramo final da primeira metade, as vermellas reaccionaron tras un tempo morto e tomaron as rendas do xogo, pero tanta foi a igualdade entre madrileñas e pontevedresas ata ese momento, que o partido chegou ao descanso co marcador a ceros.

Coa reanudación, chegou tamén o primeiro e único gol do encontro. Ceci, cun disparo escorado, anotou o 0-1 no 22'. A partir dese momento, as locais trataron de responder, aumentando a intensidade de xogo ofensivo e poñendo a proba a Irene, a guardamenta galega, en varias ocasións. Os últimos minutos caracterizáronse polo continuo intercambio de oportunidades perigosas sobre ambas as porterías. A falta de 2' para a finalización, as pepineras optaban polo xogo de cinco, pero, por desgraza para elas, non serviu para chegar, polo menos, á repartición de puntos, ofrecendo ás de Dani Díaz a vitoria pola mínima.

LEGANÉS (0): Sandra; Patri Montilla, Laura Uña, Elena, Marina (quinteto inicial), Esther Puche, Ampi, Chuli, Saki, Bea e Desi.

POIO PESCAMAR (1): Irene; Jessi, Dani Souza, Ale de Paz, Jenni (quinteto inicial), Ceci, Irne García e Cáro.

Goles: 0-1 Ceci (22').

Árbitros: Carlos Múnez Carpintero e Ignacio del Olmo Martínez, do colexio madrileño, que mostraron cartulina amarela a Marina e Desi, do Leganés.

Incidencias: Partido disputado no pavillón La Fortuna ante máis de 200 espectadores.