A familia do Atlético Estación homenaxea a Jose Luís Torrado e a Rosa, expresidenta da entidade

Pontevedra
18 de abril 2023

Ao banquete celebrado no Hotel Galicia Palace acudiron máis de noventa persoas que formaron parte do equipo de fútbol ao longo dos seus máis de vinte anos de historia coa intención de recoñecer "o bo trato" que o matrimonio prestou sempre a todos os integrantes do club

O Atlético Estación homenaxea a Jose Luís Torrado, O Bruxo, e á súa muller e expresidenta da entidade, Rosa
O Atlético Estación homenaxea a Jose Luís Torrado, O Bruxo, e á súa muller e expresidenta da entidade, Rosa / PontevedraViva

Os salóns do Hotel Galicia Palace foron escenario o pasado domingo dun emotivo acontecemento. Toda a familia da Atlético Estación, club que formou en Pontevedra futbolistas de todas as idades durante máis de vinte anos, rendeu unha sentida homenaxe a dúas das súas figuras máis importantes: Jose Luís Torrado, masaxista coñecido como O Bruxo; e a súa esposa e expresidenta do club, Rosa.

No acto participaron máis de noventa persoas, moitos deles exfutbolistas da entidade e outros moitos achegados. O motivo desta sorpresa non era outro que o de agradecer o traballo desinteresado prestado durante anos polo matrimonio.

Ao finalizar a comida, unha representación de exxogadores fixeron entrega á parella dunha placa conmemorativa. Ademais, os discursos, as anécdotas e os recordos relatados durante o banquete fixeron brotar as bágoas a máis dun dos asistentes. 

"Quixemos facerlles esta homenaxe, non por ningún motivo nin ningunha data especial, senón por recoñecer o bo trato que nos prestaron durante todos os anos de vida do equipo", explica Edu, un dos exfutbolistas da Atlético Estación, os motivos desta multitudinaria convocatoria. "Sabían que estabamos a organizar algo, pero foi unha sorpresa e emocionáronse moito", confesa.