A Federación e o Concello deciden que "non é o mellor momento" para celebrar o Campionato Gallego de Tríatlon

Pontevedra
16 de setembro 2020

A Federación Galega e o tenente de alcalde, Tino Fernández, adoptaron a decisión "á vista da evolución da pandemia e das restricións específicas para a comarca de Pontevedra"

Categoría elite feminina do Campionato de España Sprint de Tríatlon
Categoría elite feminina do Campionato de España Sprint de Tríatlon /

Pontevedra non acollerá finalmente o Campionato Galego de Tríatlon deste ano, debido ás restricións impostas na cidade con motivo do empeoramento da situación sanitaria.

A cidade ía ser sede do campionato o próximo 26 de setembro, coa XX edición do Tríatlon Cidade de Pontevedra, pero despois de valorar as distintas posibilidades existentes e á vista da evolución da pandemia a Federación Galega de Tríatlon e o Concello de Pontevedra acordaron que "non é o mellor momento para celebrar o campionato", confirmaron desde a administración local.

Segundo sinala o edil de Deportes, Tino Fernández, a decisión foi adoptada tras unha reunión mantida por responsables de ambas as dúas entidades, na que concluíron que Pontevedra "non pode garantir a celebración da proba coas condicións necesarias, a pesar da enorme colaboración e irmandade existentes entre a Federación Galega e esta cidade tan identificada co deporte do tríatlon".

Ambos lembraron o traballo realizado e a colaboración que permitiu celebrar recentemente o Campionato de España Sprint de tríatlon na cidade cun minucioso protocolo que "determina uns mínimos na loxística necesaria para garantir, fundamentalmente, a seguridade dos participantes e os niveis de calidade, que neste caso fano inviable".

Actualmente as restricións impostas na cidade debido á evolución da pandemia fai que "non se reúnan as condicións necesarias para conxugar os valores de Pontevedra co tríatlon, coa seguridade e a protección da saúde de todas as persoas implicadas no deporte: seareiros, deportistas, xuíces, directivos, voluntarios…", completou Tino Fernández.