Pontevedra repetirá en 2021 como sede do Nacional Sprint de tríatlon e queda sen o Pro Tour

Pontevedra
15 de decembro 2020

A Federación Española de Tríatlon avanzara que a cidade de Lérez repetiría como unha das súas sedes de grandes eventos en 2021, e agora confirmou cal será esa competición, fixada para a fin de semana do 25 e 26 de setembro

Categoría elite feminina do Campionato de España Sprint de Tríatlon
Categoría elite feminina do Campionato de España Sprint de Tríatlon /

A Federación Española de Tríatlon (FETRI) avanzara a finais do mes de outubro que cidades serían sede dalgunhas das súas competicións máis importantes en 2021, e entre elas atopábase un ano máis Pontevedra, tras o éxito que supuxo organizar a primeira competición nacional post-pandemia.

Agora o organismo federativo confirmou de que competición se trata, a mesma que precisamente acolleu a cidade tras o verán, o Campionato de España Sprint, que se fixou para o sábado 25 de setembro. 

O que se descartou ademais é que a cidade de Lérez acolla a segunda edición do Pro Tour, a espectacular competición que se estreou en 2019 a beiras do Lérez reunindo aos mellores especialistas nacionais e que tiña previsto repetir no calendario pontevedrés de 2020. Con todo agora a Federación decidiu que sexa Madrid a encargada de acoller esta proba nunha data aínda por confirmar.

A primeira carreira do calendario  FETRI en 2021 será o Campionato de España de Tríatlon de Inverno, o 14 de febreiro no Tríatlon Valle de Ansó. Ademais Banyoles será escenario do Campionato de España en Distancia Olímpica (4 de setembro), Bilbao acollerá o de Media Distancia (18 de setembro) e Platja d'Aro o de Longa Distancia (30 de maio). Pola súa banda o Campionato de España de Dúatlon terá lugar en Avilés (10 e 11 de abril).

Galicia gozará doutra cita importante co Campionato de España de Tríatlon por Clubs e por Remudas Mixtas na Coruña (19 e 20 de xuño), que se celebrará conxuntamente coa Copa do Mundo de Paratríatlon.