A Federación Española de Fútbol amplía a suspensión das competicións e non pon data para o seu regreso

Pontevedra
23 de marzo 2020

Así o aprobou este luns 23 de marzo a Comisión Delegada da Asemblea da RFEF. Isto supón que ligas como a de Segunda División B de fútbol ou a Primeira División Feminina de fútbol sala non se retomarán ata que "iso non supoña ningún risco para a saúde"

Partido de Liga entre Pontevedra e Ibiza en Pasarón
Partido de Liga entre Pontevedra e Ibiza en Pasarón / Diego Torrado

O fútbol non regresará "ata que as autoridades competentes do Goberno de España e da Administración Xeral do Estado consideren que se poden retomar cando iso non supoña ningún risco para a saúde dos futbolistas, corpo técnico e empregados dos clubs e para o público asistente".

Así o confirmou este luns 23 de marzo a Real Federación Española de Fútbol tras a reunión da Comisión Delegada da Asemblea da institución.

Na práctica isto supón renunciar polo momento a fixar unha posible data de regreso para as competicións como a Segunda División B de fútbol na que milita o Pontevedra, a Terceira División ou a Primeira División Feminina de Fútbol sala á que pertence o Poio Pescamar, entre outras.

Ata o de agora o organismo reitor do balompé nacional só suspendera oficialmente dúas xornadas de competición, as do 14-15 e 21-22 de marzo, aínda que o decreto de estado de alarma e a intención do Goberno de alongalo facía imposible polo momento que a actividade deportiva volvese á normalidade.

A RFEF solicitou ás federacións territoriais, entre elas a galega, que adopten a mesma medida para as competicións de ámbito autonómico.