Ao Pontevedra Club de Fútbol non lle agrada a proposta que a Real Federación Española de Fútbol trasladou ás territoriais para acordar como finalizar a tempada, agora en suspenso, e que supoñería dar por acabada a liga regular anulando descensos pero permitindo ascensos de categoría cunha especie de play-off express.
Para o club granate esta solución sería "tremendamente inxusta", tendo en conta que entende que, poñendo o seu caso como exemplo, atopábase en liña ascendente a 7 puntos dos postos que darían acceso a pelexar polo salto de categoría e aínda estaba a tempo de tentalo.
É por iso que desde a entidade presidida por Lupe Murillo cren que "de anularse a tempada, debería ser para todos", se é que as autoridades sanitarias entenden que non é posible retomar con seguridade as competicións deportivas.
Como consecuencia, a medida exposta pola Federación supoñería ademais na práctica ampliar a Segunda División B, que contaría con máis equipos por grupo ou novos grupos de competición a partir da próxima tempada, unha opción que "non sería a máis desexable", defende o Pontevedra, sen que antes se consulte cos clubs implicados.
Neste sentido, o club granate aliñouse con outros 32 equipos da categoría de bronce, incluídos os galegos Racing de Ferrol e Coruxo, enviando un escrito á Federación no que sinalan a súa preocupación e piden que non se alongue a tempada máis aló do 30 de xuño polo prexuízo económico que iso podería supoñer.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.